A CIG advirte do preocupante avance dos contratos fixos discontinuos e a tempo parcial
O mes de febreiro rematou cun total de 144.092 persoas desempregadas en Galiza, un 0,66% menos que no mes de xaneiro. O secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, valora que a evolución dos datos do paro rexistrado que vén de facer públicos o SEPE, en global, “foi positiva”. Pero máis unha vez, indo polo miúdo, advirte dunha tendencia tanto no Estado español, como en Galiza, “fortemente marcada pola reforma laboral”, que cambia todos os parámetros cos que medimos o emprego.
Denuncia que se están enmascarando coa estatística “de forma máis palpable” os datos do emprego. Neste sentido, observa que no colectivo de persoas máis novas o paro medra e que, polo tanto, “os colectivos máis vulnerables seguen estando na mesma situación na que estaban antes da reforma”.
Apunta que “isto se nota máis nun momento no que todos os datos son positivos, mentres, porén, este colectivo que sempre foi o máis castigado segue sendo outra volta o que non é capaz de ver esa evolución positiva de ningunha das maneiras”.
Por outra banda, indo aos datos de emprego, sobre todo de indefinido, González Sío sinala como “os contratos indefinidos a tempo parcial, ou fixos descontinuos superan con creces, e con moita diferenza, os datos de fixos ordinarios” e advirte que isto “vai provocar unha perda das rendas que xa se está constatando e que poderemos confirmar cando para o ano que vén saian os datos de salarios de facenda, xa que o número de traballadores que non teñen o salario completo cada vez aumenta máis”.
Alerta, a este respecto, que “se está a converter nunha norma por parte das empresas, xa que o contrato por defecto está sendo o fixo descontinuo ou o a tempo parcial, polo que os traballadores e traballadoras non están a xornada completa”.
Despedimentos ao rematar o período de proba
Xunto a isto subliña que, aínda que a contratación indefinida medrou, tamén é certo que se incrementou o número de traballadores e traballadoras indefinidas que son despedidas por non cumprir o tempo de proba marcado no seu convenio colectivo. Por iso considera que “os datos non son reais xa que o que se está a empregar dunha forma irregular e irreal, o contrato indefinido para contratar durante un tempo as persoas”.
O secretario confederal de Emprego conclúe denunciando que “en moitas empresas estase facendo un tempo de proba de moitos meses e chegada a data anterior á finalización do período de proba proceden ao seu despedimento”.