A CIG advirte sobre o perigo que supón ter un único anestesista no Hospital Comarcal de Valdeorras
A sección sindical da CIG no Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV) denuncia o “trato de desprezo” que está a sufrir este centro e a situación de risco á que se expón a poboación deste distrito sanitario ao contar na actualidade cun só anestesista activo pola non cobertura de permisos.
Segundo indican, esta situación fai que un só profesional teña que atender tanto a cirurxía programada como a urxente, así como a administración de anestesia epidural no caso de parto. “É algo inadmisíbel xa que fai imposíbel que poida atender imprevistos como urxencias ou partos no caso de estar con cirurxías programadas, como xa aconteceu nestes últimos días”.
É imposíbel que un único profesional atenda imprevistos como urxencias ou partos, como xa sucedeu nestes días
Ao mesmo tempo, rexeitan o peche de camas de medicina interna durante o verán, polo que esixen a súa apertura, “xa que este peche só responde a intereses económicos de non cobertura de persoal”. Sinalan que este ano “tiveron o descaro” de seguir pechándoas onde sempre o facían, “sen decatarse de que esas camas agora están adxudicas a outro servizo, así que o argumento de menor actividade porque se diminúe a cirurxía programada xa non é valido nin como desculpa”.
Tamén demandan que se garanta a cobertura dos permisos de pediatría tanto no HCV nomo na Atención Primaria, “e non aceptaremos a tónica habitual de deixar sen cubrir os permisos dos e das pediatras”.
Ademais, amósanse moi críticos/as coa política de derivación de efectivos dende o PAC do Barco a outros centros sanitarios da provincia como aconteceu no último fin de semana de xuño, “cando pretenderon deixar só unha facultativa un sábado para atender a toda a poboación dependente do PAC do Barco, ao desprazar ao seu compañeiro para cubrir unha ausencia noutro lugar”.
Finalmente, critican as “mentiras” da Administración no que ten que ver coas “supostas e nunca vistas vantaxes” da reforma da Lei de Saúde de Galiza; unha reforma unicamente tendente á destrución do actual sistema público de saúde”.