A CIG advirte do peche da oficina do ISM de Cambados e do recorte na atención presencial en Vilagarcía
A CIG-Administración advirte que a partir do próximo luns, 20 de xullo, pechará a oficina do Instituto Social da Mariña de Cambados ao coller as vacacións o único empregado co que conta a día de hoxe esta oficina. A central sindical denuncia tamén o bloqueo na atención presencial ao público que se está a dar na dirección provincial do ISM de Vilagarcía de Arousa, sen actividade os xoves e venres de xullo e cun horario reducido o resto dos días da semana pola non cobertura das vacacións do persoal.
A CIG xa remitiu escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para que se adopten as medidas necesarias para evitar tanto o peche da oficina de Cambados como o recorte na atención presencial no centro de Vilagarcía e dirixiuse a ambos Concellos para pedir que interveñan diante desta situación. Porén, a día de hoxe aínda non houbo resposta.
Caso significativo, explica o secretario de Organización da CIG-Administración, Luis Carballo Pose, é o da oficina de Cambados que conta no seu cadro de persoal con cinco postos, pero na actualidade soamente está ocupado un destes, obrigando así ao seu empregado a soportar cargas elevadas de traballo, e na súa ausencia ao peche da oficina.
A CIG manifesta a súa oposición ao cerre das oficinas e dos servizos públicos que, no caso de Cambados, é urxente que se cubran as prazas vacantes do seu cadro de persoal para evitar o peche e para poder ofrecer unha atención de calidade.