A CIG advirte do grave incremento das desigualdades en Galiza tras aplicarse a última reforma laboral
A CIG presentou esta mañá o Informe da “Situación do Mercado Laboral en Galiza. Ano 2023”, no que se confirma o grave incremento da precariedade no último ano. Se en 2021 a equivalencia entre as persoas asalariadas que máis cobran e as que menos era de 1-84, en 2023 foi de 1-100. Isto é, son xa necesarias 100 persoas asalariadas das que menos cobran para ingresar o mesmo que unha das que máis cobran.
O estudo, realizado polo Gabinete de Economía da CIG, utiliza como fontes a Seguridade Social, para coñecer as condicións de xornada e contratos, e a Axencia Tributaria, para coñecer os ingresos reais da clase traballadora galega. O obxectivo, desta volta, era debullar o impacto real que tivo a última reforma laboral, de modo que se compara a situación que había en 2021, antes de entrar en vigor, coa de 2023.
Os resultados, para o secretario confederal de Afiliación e Servizos, Renato Núñez, confirman o que a CIG viña advertindo, que se asenta cada vez máis a figura do traballador ou traballadora pobre “ben porque os salarios non lle permiten chegar a fin de mes, ben porque non pode facer fronte as cargas familiares”.
Respecto do impacto dos últimos incrementos do SMI, denunciou, por unha banda, a reticencia das patronais para facelos efectivos, o que obriga a mobilizarse para exixir o cumprimento da legalidade, e pola outra, que “seguen sen ser suficientes para afrontar as subas do IPC”.
A este respecto comparou a suba dos prezos global -non só a dos alimentos, que é a que máis impacto ten nas economías familiares- coa suba dos salarios, e apuntou que o resultado é que o poder adquisitivo só se tería incrementado unha décima.
Atendendo a esta realidade e as condicións do mercado laboral, Núñez concluíu que “a reforma laboral non rematou coa precariedade, o que fixo foi transformala”. Lembrou o incremento dos contratos fixos descontinuos e a tempo parcial, que afectaron fundamentalmente ás mulleres “afondando todas as fendas de xénero”. Un colectivo que desenvolve a súa actividade maioritariamente no sector Servizos, “o máis precarizado e feminizado”.
Por iso reiterou a necesidade de que o SMI sexa do 60% do salario medio, tal e como recomenda a Carta Social Europea, incidiu na necesidade de combater a precariedade en todas as súas formas e reclamou políticas que permitan crear emprego en sectores que garanten mellores condicións laborais e teñen máis valor engadido. “Estamos centrando absolutamente todo na creación de emprego no sector Servizos e estes datos confirman, de forma irrefutable que ese non pode ser oi camiño”.
Datos irrefutables
Dos datos aos que Núñez facía referencia deu conta, polo miúdo, Natividade López Gromaz, responsable do Gabinete de Economía da CIG, quen subliñou que mentres a afiliación á Seguridade Social -que é a fonte que ofrece datos por tipo de contrato e xornada- medrou na media estatal un 5,1%, en Galiza apenas chegou á metade, o 2,9%, Tendo en conta ademais que o 100% das afiliación foron no réxime xeral.
Por tipo de contrato e xornada hai un incremento da contratación indefinida e un descenso da temporal. Porén, explicou, dentro da contratación indefinida, o que máis aumenta son as xornadas parciais e, especialmente os fixos descontinuos, que medraron desde 2021 un 125%. Dáse a circunstancia ademais, que dentro da contratación indefinida, estas dúas modalidades -xornadas parciais e fixos descontinuos, pasaron dun 19,8%, en 2021, a un 23,9% en 2023.
Desagregando por sexos, López Gromaz apuntou o aumento da fenda de xénero en todas e cada unha das variables analizadas. “Xa as mulleres tiñamos pouco peso na contratación indefinida a tempo completo, só un 40% en 2021. En 2023 subiu 5 puntos, a un 45%. Porén no caso dos homes tiñan este tipo de contrato un 61,7% e pasaron a telo un 70,6% co que dobra os puntos aumentando, polo tanto a fenda de xénero en materia de contratación”.
No caso dos contratos que non son a xornada completa, en 2021 os tiñan o 15,8% das mulleres e en 2023 aumentaron até ser o 20%. Porén no caso dos homes pasaron do 5,6% en 2021 ao 7,9% en 2023. Unha evolución que tamén neste caso agrandou a fenda até os 12 puntos, cando en 2021 era de 10,2.
Do mesmo xeito, no caso dos contratos fixos-descontinuos, un contrato moi feminizado -o 60% con este tipo de contrato son mulleres- aumentaron máis no caso dos homes nestes dous últimos anos, afectando ao 3,3%, mais aínda así son un 4,9% as mulleres que teñen este tipo de contrato.
Aumento das desigualdades
Sendo isto preocupante, é especialmente grave o incremento das desigualdades. En termos reais os ingresos por salarios só aumentaron unha décima no último ano. Porén, non só aumentou o número de persoas asalariadas con maiores ingresos (superiores a 10 veces o SMI) nun 13% respecto de 2021, senón que os seus salarios tamén se incrementaron un 20,6%.
Fronte a isto, un 16,6% das persoas asalariadas (184.688) en 2022 tiveron uns ingresos medios brutos anuais inferiores á metade do SMI. En concreto, inferiores a 2.997€. E neste grupo foi tamén onde menos aumentaron os ingresos, apenas un 2,5%.
O resultado é que, de media, unha persoa do grupo de maiores ingresos percibe o equivalente a 100 persoas do grupo de menores ingresos, cando en 2021 a equivalencia era de 1 a 84, “disparándose as diferenzas entre a clase traballadora”, advertiu López Gromaz.
A economista da CIG chamou tamén a atención no feito de que, segundo a EPA, houbo un 0,9% máis de poboación activa, grazas sobre todo á inmigración. Porén non medrou parello o incremento da ocupación. Unha circunstancia respecto da que, a falta de datos para confirmalo, levou a López Gromaz a considerar que, posiblemente, o que estea é a aumentar a economía somerxida.