A CIG advirte do carácter puramente especulativo da venda de XEAL e reclámalle a Xunta un pronunciamento
A nova operación de venda anunciada por XEAL afonda na incerteza sobre o futuro das fábricas de ferroaliaxes, xa que se trata dunha operación puramente especulativa tendo en conta que hai un elemento novidoso con respecto á venda de 2019. Ademais das factorías de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas, no acordo inclúese a empresa Feroe Ventures & Investments, que non está suxeita ás cláusulas concesionais de explotación do Xallas e a través da que se pretende construír a central de bombeo da Ruña.
Así llo trasladou a representación da CIG na reunión deste xoves, subliñando que hai moitos aspectos que quedan no aire sobre o plan de investimentos presentado por XEAL en 2019, que foi totalmente incumprido, e que dende ambas compañías se di que continuará adiante. XEAL ten que dar conta do grao de cumprimento deses investimentos e a Xunta debe exixir responsabilidades a este respecto.
Esta operación prodúcese, ademais, sen que a día de hoxe a propietaria actual presentara o tan demandado plan de viabilidade (en atención ao que ordenan as cláusulas das concesións e a última sentenza do TSXG); e tendo varios procedementos administrativos e xudiciais abertos. Están presentadas alegacións ao proxecto da Ruña e á solicitude de ampliación de caudal do encoro de Santa Uxía (que aínda non foron contestadas pola Xunta), e foi admitida a trámite a denuncia penal derivada do proceso de compra-venda entre Ferroatlántica e o fondo Sixth Street Partners-Ithaka.
A CIG advirte que estamos ante unha operación especulativa de cara á comarca e ás centrais. O custe da compra sitúase nos 300 millóns de euros cando se nos dixo que o prezo das centrais era 174 millóns; é dicir, dende 2019 hai un beneficio claro de preto de 130 millóns de euros que non tivo repercusión na comarca nin nas fábricas.
Ao contrario, a realidade deste "pelotazo" é que nas factorías hai uns 130 traballadores e traballadoras menos (43 persoas indefinidas e unhas 80 eventuais), que os empregos da industria auxiliar practicamente desapareceron, e que dos cinco fornos que estaban en marcha en 2019, neste intre só hai 1 en marcha e cunha produción mínima.
Pero para a CIG un dos elementos máis preocupantes desta operación constitúeo a inclusión da sociedade Feroe Ventures & Investments, xa que a través deste fondo (con sede nun paraíso fiscal) preténdese construír a estación reversíbel de bombeo da Ruña para esquivar así as condicións concesionais que levan vinculados os dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, como garante da viabilidade das factorías.
Neste sentido, hai que denunciar a ocultación continuada por parte de XEAL ás reiteradas solicitudes e reclamacións do comité de empresa sobre esta estación reversíbel na Ruña, que sempre tivo a negativa e a omisión como resposta e agora certificamos que forma parte duns dos activos fundamentais nesta operación de venda.
Ante esta evidente manobra especulativa e o risco a que pola vía dos feitos se queira incumprir a concesión, a Xunta de Galiza, e nomeadamente a Consellaría de Economía e Industria, debe pronunciarse. Non pode permanecer en silencio ante esta venda - menos aínda cando existe este elemento novidoso-, cando non se resolveron aínda os procesos sobre a anterior operación, non se contestaron as alegacións, non se presentou un plan de viabilidade, non existe un calendario para o arranque dos fornos e non se fixeron os investimentos comprometidos.
Por iso, a CIG tamén reclama unha reunión a tres bandas (con presenza da representación sindical, empresas e administracións) para abordar as condicións exactas da venda, exixir garantías de viabilidade das fábricas e mantemento dos empregos, o acendido dos fornos, e o cumprimento da última sentenza xudicial. Exiximos que se garanta que calquera autorización para ampliar a produción de enerxía estea suxeita aos temos que marcan as cláusulas concesionais. E iso implica impedir que a estación da Ruña se poida construír cunha sociedade distinta á propietaria das fabricas.