A CIG advirte de posíbeis responsabilidades penais ás empresas que incumpran a xornada intensiva na construción
A CIG advírtelle ás empresas do sector da construción da provincia de Pontevedra que están a incumprir a xornada intensiva durante o mes de xullo pactada en convenio que se poderían enfrontar a responsabilidades penais no caso de que se produza un accidente laboral ou de que un operario/a se vexa afectado por un golpe de calor. Dende a central consideran un éxito a implantación dunha medida que están a aplicar a maioría das compañías, pero denuncia que noutros casos fanse horas extras máis alá das catro da tarde, polo que reclama celeridade nas actuacións da Inspección de Traballo.
Na CIG-Construción salientan o feito de que as principais empresas están a respectar o acordado por primeira vez na historia do sector en Galiza, aínda que noutros casos estase a incumprir o convenio en materia de xornada laboral mediante a realización de horas extra que ou ben se pagan fóra de nómina ou directamente non se pagan. “Isto constitúe unha fraude á Seguridade Social e está a ser utilizado como un mecanismo para limpar diñeiro negro”, censuran.
Ademais, esta conduta podería dar lugar a actuacións penais no caso de que se produza un accidente laboral ou algún/ha traballador/a sufra un accidente laboral ou se vexa afectado por un golpe de calor fóra da xornada establecida por convenio: de 7:00/8:00 a 15:00/16:00 horas. “Todas as empresas que traballan fóra deste horario sen causa xustificada están a incumprir o pactado, polo que xa estamos poñendo algúns casos en coñecemento da Inspección de Traballo, á que lle pedimos celeridade nas actuacións para que se respecten os dereitos das persoas traballadoras”.
Dende a central sindical lembran que a medida permanecerá vixente até o luns 31 de xullo, período durante o que se realizará xornada intensiva de 7:00 a 15:00 horas, sendo de obrigado cumprimento para todas as empresas. En caso de que por causa administrativa xustificada houbese que atrasar o inicio da xornada “en ningún caso será despois das 8:00 horas”.
A pretensión da CIG-Construción é ampliar a xornada continuada a todo o período estival para pro-texer a saúde dos traballadores/as e garantir o dereito á conciliación da vida laboral e familiar. De feito, no propio documento recóllese a posibilidade de ampliar a medida aos tres meses do verán. Aínda que a central sindical márcase como obxectivo para o próximo convenio que a xornada in-tensiva se estableza de xeito obrigatorio durante o período estival.