A CIG advirte da irresponsábel actitude de TRAGSA nas concesións da Deputación de Lugo
A CIG de Lugo-A Mariña cualifica de "absolutamente irresponsábel" a actitude que a empresa TRAGSA está a ter cos servizos da Deputación provincial que xestiona. Se primeiro ordenou a volta ao traballo dos operarios e operarias de zonas verdes, agora que acaba de coller a concesión do servizo de limpeza do Pazo de San Marcos, do Pazo dos Deportes e dos museos provinciais, comunícalles ás traballadoras que deben ir pasar un recoñecemento médico.
"Entendemos que é absolutamente impropio enviar as traballadoras agora mesmo a pasar recoñecemento, posto que se trata dunha cuestión que perfectamente pode esperar a termos superado o momento de emerxencia sanitaria que estamos a vivir", apunta o secretario comarcal de Organización, Lois Neto. Para a CIG, o deber de acudir agora a un recoñecemento médico constitúe un elemento máis de aumento do grao de exposición ao contaxio das traballadoras do servizo, que ademais lles está a provocar un estado de ansiedade completamente innecesario".
Actuación ilegal co persoal de mantemento das zonas verdes
Igualmente, a CIG de Lugo-A Mariña denuncia que, segundo as informacións trasladas, a empresa pretende que os traballadores do servizo de mantemento de zonas verdes recuperen as horas de traballo correspondentes á semana do 16 ao 22 de marzo (na que estiveron sen actividade pola emerxencia sanitaria). Algo que a central advirte que é "absolutamente ilegal e una practica impropia dunha empresa pública que está a prestar un servizo público. Por esta razón, de consumarse dito abuso, desde a CIG imos denunciar esta actuación ante os xulgados do social".
Desde a CIG esíxese do goberno provincial que adopte de forma urxente as medidas oportunas para paralizar estas prácticas irresponsábeis, irracionais e abusivas da empresa TRAGSA nos servizos que presta para a mesma.