Advirten da “desprotección” das persoas usuarias do centro de maiores de Cerdedo por falta de persoal
A sección sindical da CIG na Consellaría de Política Social advirte sobre a “desprotección” que padecen as persoas usuarias do centro residencial de persoas maiores de Cerdedo-Cotobade, pertencente ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, como consecuencia da falta de persoal. Dende a central denuncian que a prestación de servizos en quenda de noite por unha soa traballadora impide unha atención de calidade e está a crear unha situación de “malestar e preocupación”.
Lembran que o centro conta con persoas usuarias -nalgúns casos infectadas por covid- que pola súa situación de dependencia requiren de coidados que non poden ser prestados por unha única persoa en quenda de noite.
En consecuencia, a traballadora desa quenda vese imposibilitada para prestar uns coidados axeitados coma poden ser cambios posturais, de cueiros, aseos, etc, “o que pode derivar en afectacións na saúde das persoas usuarias, coma úlceras, infeccións, etc, entre outras complicacións, coma así o recollen as propias traballadoras nas incidencias diarias nos sistemas de comunicación internos do centro”.
Lamentan ademais que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar estea a subestimar estas situacións e censuran que a única medida que se implementou foi a compra de axudas técnicas que non solucionan o problema das traballadoras nin das persoas usuarias.
Ao mesmo tempo, sinalan que máis alá desta problemática, o persoal que fai quenda de noite manifesta unha situación de “desprotección total” por parte da Administración ao atoparse soa ante calquera indisposición repentina que poida acontecer, “deixando o centro á deriva na nesa quenda”.
Po todo isto, dende a sección sindical da CIG en Política Social esixen unha solución inmediata “para evitar atoparnos cunha situación que xa non se poida reverter”.