A CIG-Administración solicita medicións de radon en todos os centros de traballo da Xunta en Ourense
O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense vén de solicitarlle por escrito á delegada territorial da Xunta que se proceda a facer medicións das concentracións de gas radon en todos os centros de traballo públicos dependentes desta delegación.
Dende a central sinalan que nas diversas avaliacións de riscos laborais realizadas nos edificios e centros de traballo da Administración autonómica no concello de Ourense unicamente se fixeron control dos factores termohigrométricos.
E lembran que estudos científicos avalados e recoñecidos pola OMS relacionan o gas radon co cancro de pulmón. Algúns deles cifran no 25% o total de casos de cancro de pulmón detrás dos que se atopa este gas. A emisión deste gas é especialmente alta na Galiza e concretamente na cidade de Ourense, “resultando moi perigoso en sotos, semisotos, baixos e outras zonas pouco ventiladas”.
Neste senso, indican que a Directiva 2013/59/Euratom, en vigor o 6 desde febreiro de 2018, establece a obriga da Administración de realizar medicións de gas radon en lugares de traballo situados en áreas de risco.
O 24 de xaneiro de 2018 delegados/as da CIG solicitaron a delegación territorial da Xunta en Ourense e a todas as xefaturas territoriais da Xunta na provincia que fixeran unha urxente comprobación dos niveis de gas radon no edificio administrativo e todos os centros de traballo.
“Ante a falta de resposta levamos esta cuestión a tratamento do Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) do edificio administrativo Ourense do 18 decembro de 2018, tras o que a Administración nos respondeu que mentres non se faga a transposición da directiva europea á lexislación española, non tiñan obriga legal de facer as medición, así que non ás farían”, denuncian.
A lexislación europea de protección da saúde das persoas e traballadoras establece unha atención preferente contra as radiacións ionizantes e non ionizantes e, no primeiro caso, unha atención maior ao gas radon desde o descubrimento da súa actuación como elemento natural carcinoxénico e, no que pola configuración xeolóxica, ten unha grande incidencia en Galiza.
Medicións obrigatorias
O regulamento de protección sanitaria contra radiacións ionizantes (RPSRI) aprobado no Real Decreto 783/2001 do 6 de xullo establece nos artigos 62 e 63 que as persoas titulares de actividades laborais nas que existen fontes naturais de radiación deben declarar esas actividades perante os órganos competentes en materia de industria e realizar os estudos necesarios para determinar se existe un incremento significativo da exposición das persoas traballadoras ou do público.
Debido ao risco ao que están expostas as persoas traballadoras nos lugares de traballo situados en áreas identificadas polos seus elevados niveis de radon, existe a obriga de facer as medicións e de tomar as accións preventivas ou correctoras necesarias.
Na instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear, publicada no BOE do 26/01/2012 establece o tipo de actividades laborais que deben ser obxecto dos estudos requiridos polo RPSRI, entre os que están os “lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en área identificadas polos seus valores elevados de radon”.
No Real Decreto 732/2019 publicado no BOE do 27/12/2019, que modifica o Código Técnico de Edificación CTE, incorporase a exixencia de protección fronte á exposición ao radon nas edificacións.
Todos os centros de traballo de Ourense están obrigados a adoptar as medidas preventivas que establece a lexislación
Inclúe un Apéndice B no que se recolle a clasificación dos concellos nos que se pode acadar concentracións de radon perigosas en dous tipos 1 e 2 nos que figuran todos os concellos de Galiza (agás 5), “isto quer dicir que todos os centros de traballo de Ourense están obrigados a adoptar as medidas preventivas ás que obriga o Real Decreto 1439/2010”.
O concello de Ourense está incluído dentro do tipo 2 nese apéndice ao CTE, “polo que para garantir a seguridade das persoas traballadoras tomando as medidas que puidesen ser necesarias é obrigado realizar medicións en todos os centros de traballo que permitan avaliar o nivel de exposición a que se achan sometidas as persoas traballadoras”.
A directiva europea 59/2013/Euratom estabelece como niveis de referencia de concentración de radon no aire no máximo de 300 bequerelios por metro cúbico, “cantidade que se supera nalgúns edificios da cidade”.
Por iso lle esixen que cumpra a lexislación preventiva contra os efectos da radiación ionizante provocada polo gas radon e solicitan que se fagan as medicións esixidas pola normativa de protección en todos os centros de traballo da Xunta.
Laboratorios acreditados
No ano 2019 fixéronse estudos de gas radon no centro de traballo R/ Florentino L. Cuevillas, 4-6 baixo. O RPSRI establece que ditas medidas deberán ser realizadas por un laboratorio debidamente acreditado na normativa ISO/IEC 17025. A lista dos laboratorios acreditados atópase recollida na propia páxina do Consello de Seguridade Nuclear https://www.csn.es/radon.
“Mais a empresa que fixo as medicións no centro de traballo R/ Florentino L. Cuevillas, 4-6 baixo non se atopa no listado de laboratorios acreditados así que o estudo de radon feito neste centro de traballo carece de validez”. Polo que instan a Xunta a garantir que sexan laboratorios acreditados os que realicen as medicións.
Diante disto, reclaman o cumprimento da lexislación de protección de riscos laborais para garantir a seguridade das persoas traballadoras, facendo as medicións en todos os centros de traballo que permitan avaliar o nivel de exposición a que se achan sometidas, informándoas e tomando as medidas correctoras que puidesen ser necesarias para eliminar a incidencia dos efectos dos valores elevados de gas radon. “Unha demanda que cobra especial relevancia no noso país, tendo en conta a incidencia deste elemento a causa da morfoloxía xeolóxica de Galiza”.