A CIG-Administración rexeita uns orzamentos que non contemplan melloras no emprego público
Delegadas e delegados da CIG-Administración concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos da Xunta para 2024 -a debate nesta xornada- que, un ano máis, non contemplan as medidas necesarias para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público.
Como vén facendo desde hai anos, a CIG-Administración denunciou que esta lei “segue avanzando na precarización das condicións laborais do persoal empregado público, e non recolle a posibilidade de recuperar os dereitos perdidos”.
Nese sentido, o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, denunciou que a Xunta non aceptou ningunha proposta de mellora na LEPG, como a de recoller os dereitos do V Convenio e que así o persoal laboral non perda os seus dereitos pola funcionarización masiva.
Carballo afirmou que a Lei de Orzamentos para 2024 “non introduce as partidas orzamentarias precisas para crear as prazas necesarias para o funcionamento da propia administración pública, nin a posibilidade de derrogar a Lei de Medidas, o que permitiría recuperar os dereitos perdidos.
Entre outros dereitos arrebatados, Carballo salientou o 1% de acción social, os días adicionais que se suprimiron con reformas pasadas e tamén recuperar cuestións que ten o persoal da administración pendente de volver á mesa de negociación.
A Lei de Orzamentos deste ano, “non só non introduce todas estas cuestións senón que afonda máis no deterioro dos servizos públicos”, concluíu.
Xornada de 35 horas
O secretario nacional de CIG-Administración sinalou que a federación ten en marcha unha campaña polas 35 horas. Lembrou que “outras administracións, como o SERGAS, xa teñen contemplada e concedida esa xornada que nós aínda non temos”.
Explicou que para o persoal é fundamental a redución de xornada mais considerou que, para iso, fai falta máis persoal que faga fronte a este traballo. Apuntou ademais que iso, entre outras cuestións, "tiña que estar recollido hoxe aquí, nos orzamentos da Xunta, pero non está”.
Xunto a isto reclamou Comisións de Servizo non discrecionais e negociadas; a implantación da categoría superior no mundo funcionarial; a cobertura de todas as vacantes ou o aumento dos cadros de persoal.
Ademais, a CIG-Administración demanda convocatorias anuais de Oposicións e Promoción Interna; concurso de Traslados aberto e permanente e Complemento de Carreira Profesional digno, negociado e para todos e todas.
Respecto do Plan de Igualdade da Xunta exixe a súa mellora porque o aprobado recentemente non é máis que unha copia da Lei en vigor, sen achegar nada novo.
Outra das cuestión que demanda o sindicato é a revisión salarial anual aplicando o IPC real; a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos e a recuperación do Fondo de Acción Social FAS, equivalente ao valor do 1% da masa salarial.
Bombeiros comarcais
No decurso da concentración unha representación do colectivo de bombeiros comarcais, que leva meses mobilizándose en demanda de condicións laborais dignas, aplaudiu aos concentrados, que lle devolveron, á súa vez, os aplausos berrando ao unísono “salarios dignos na administración”.
Os bombeiros comarcais están, desde o pasado venres, na praza do Obradoiro reclamando que as súas demandas sexan escoitadas e que as administracións se aveñan a negociar melloras para garantir o funcionamento deste servizo público esencial.