A CIG-Administración recorre o concurso de estabilización de prazas do Concello de Lalín ao incumprir a lexislación
A federación de Administración da CIG vén de presentar un recurso de reposición contra as bases do concurso de estabilización de prazas de persoal funcionario e laboral do Concello de Lalín ao entender que incumpren a lexislación e que durante a súa elaboración se vulneraron os dereitos de negociación e de transparencia. De feito, o propio alcalde abordará o proceso directamente cos traballadores/as municipais nunha xuntanza sen ter contado antes coa representación sindical, “por non falar de que o Goberno local négase a entregar os preceptivos informes de Intervención e Secretaría”.
Dende a central sindical denuncian que o Concello optou por “impoñer no canto de negociar, obviando un acordo que existe a nivel Fegamp para que as bases dos concursos fosen homoxéneas e todas as persoas puidesen concorrer en igualdade de condicións, o que vai provocar que moitas persoas teñan dificultades para acceder a unha praza”. Por iso achegaron un recurso de reposición que contempla cinco alegacións e outras tantas solicitudes para que se corrixan os incumprimentos detectados.
Entre eles, o da propia Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que establece a obrigatoriedade de que os procesos de estabilización non supoñan un incremento de gasto, “algo que non se dá neste caso ao producírense unha reclasificación de prazas, o que se traduce no conseguinte incremento retributivo”. Por iso a CIG-Administración solicitou sen éxito a través do portal de transparencia os informes de Intervención e Secretaría neste sentido.
Na central entenden que as bases conculcan tamén a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galiza, xa que para acceder ás prazas de Monitora Deportiva e Coordinadora de Deportes non figura como requisito estar en posesión dalgunha das titulacións oficiais da familia das actividades deportivas. Ademais, no segundo caso esíxese “estar en posesión da titulación de Licenciatura ou Grao en Psicoloxía, máis máster ou equivalente, o que atenta contra os principios de igualdade, mérito e capacidade, á vez que pode chegar a incorrer en prevaricación no caso de se axustar as bases a un perfil específico”.
Uso electoralista
Outra das alegacións ten que ver co establecemento do carácter eliminatorio da fase de oposición, algo que a CIG-Administración rexeita tendo en conta que foi imposto sen negociación por parte do Goberno local.
Finalmente, a central sindical reclama a anulación da convocatoria anunciada polo Concello este mércores 1 de febreiro para abordar co persoal municipal o proceso de estabilización, “xa que esta xuntanza ao marxe das organizacións sindicais vulnera o principio de representación, que é un dos principios nos que se basea a negociación colectiva”. Neste senso, censuran que o Goberno local e o propio alcalde queiran aproveitar a proximidade das eleccións municipais para reunir os traballadores/as e “venderlles” un proceso de estabilización de prazas necesario para dar cumprimento á normativa europea.