A CIG-Administración reclama tests para detectar a Covid19 nas prisións galegas
Dende o sector da Administración xeral do Estado da CIG-Administración reclaman que se fagan tests para detectar a Covid19 nos centros penitenciarios galegos ao tratarse de ámbitos pechados nos que se concentran máis de 5000 persoas, entre persoas traballadoras e reclusos/as.
Sinalan que a Xunta de Galiza se comprometeu a facerlle tests a todo o colectivo de Policía e Garda Civil do noso país, independentemente de que presenten síntomas ou non. “Pero ao mesmo tempo contesta por escrito a unha petición da CIG para que se fixeran nos centros penitenciarios galegos manifestando que só se farán nos casos que se teñan síntomas (cadro clínico de infección respiratoria aguda)”.
Dende a central consideran que o Goberno galego debera actuar como fixo co persoal do Imserso, que foi sometido a tests ao tratarse dun ámbito pechado epola vulnerabilidade das persoas residentes. “Por iso non entendemos que se obvie que nas cadeas galegas se dan unhas condicións similares, e que se esquezan dun colectivo de máis de 5000 persoas, entre traballadores/as reclusos/as”.