A CIG-Administración reclama medidas excepcionais na loita contra os lumes coincidindo coas altas temperaturas
Dende a CIG-Administración expresan o seu apoio a todos os compañeiros/as e ás familias dos feridos/as nos lumes forestais de Ribas de Sil, en Lugo, e Lobios, en Ourense. “Queremos manifestar que o traballo da extinción de lumes forestais é moi perigoso e moitas veces os traballadores/as poñen en risco as vidas”, lembran.
Neste senso, sinalan que as condicións actuais de altísimas temperaturas e baixa humidade relativa, “os perigos no traballo multiplícanse exponencialmente, polo que a Xunta debera adoptar medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios”. Consideran que o adestramento e a formación son imprescindíbeis para minimizar os riscos, “e a Xunta do Partido Popular trata este traballo como outro calquera e non forma ao persoal de forma axeitada nin aplica protocolos normalizados”, como pode ser o protocolo OACEL (http://www.magrama.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/politica-forestal/Protocolo_OACEL_tcm7-232583.pdf).
Dende a CIG esixen que en situacións tan adversas tanto de carga de combustíbel como de condicións climáticas sexan adoptadas medidas preventivas extraordinarias e que se proceda á formación do persoal de forma axeitada mediante protocolos claros e técnicas de autoprotección contra o lume.