A CIG mobilízase contra o acoso moral e por razón de sexo no GES do Val Miñor
O sector Local da CIG-Administración desenvolveu hoxe unha concentración diante do Concello de Nigrán para esixirlle ao alcalde -actual presidente da Mancomunidade do Val Miñor que interveña no conflito que se vive dende hai anos no Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) como consecuencia do acoso moral e por razón de sexo por parte de dous traballadores ao resto de compañeiros/as, en especial á delegada de persoal, da CIG.
Dende a central sindical lembran que durante os anos 2019 e 2020 sucedéronse varios escritos dos empregados/as do GES ao coordinador do servizo nos que comunicaban diversas situacións conflitivas, escritos que foron trasladados polo coordinador á Mancomunidade, xunto con outros asinados por el mesmo.
Tal e como explica ao responsábel comarcal do sector de Local da CIG-Administración de Vigo, Xabier Rodríguez, “particularmente grave son os episodios sufridos pola nosa delegada Rosa Pereira, única muller integrante do servizo e única representante dos traballadores/as da Mancomunidade”.
A afectada ten denunciado que un compañeiro lle berra e a insulta, tomando unha actitude ameazadora e dirixíndose a ela con frases como “eres una amarilla comprada por los alcaldes, lo único que haces es coaccionara a un trabajador; lo que tienes es un aquelarre con otros compañeros”, etc. E referíndose a ela en termos pexorativos como “la sindicalista”, o que para Rodríguez denota tamén “unha certa aversión ao traballo sindical” e dicindo dela “que non vale para nada, que está aí por ser muller”.
Neste tempo sucedéronse os escritos dos traballadores/as sen que a Mancomunidade teña feito nada, polo que se presentou denuncia ante Inspección de Traballo, que tras a correspondente actuación tipificou como moi grave a actuación do ente supramunicipal, “toda vez que tivo un comportamento omisivo respecto da toma de decisións en relación ao coñecemento efectivo que tivo de situacións de tensión laboral, enfrontamento e comportamentos de acoso de dous membros do cadro de persoal da Mancomunidade para con gran parte das outras persoas integrantes do mesmo”, en palabras da propia Inspección. En consecuencia, propuxo unha sanción de 25.001 euros que foi confirmada pola directora xeral de Relacións Laborais.
Finalmente, en 2021 constituíuse unha Comisión de Investigación de Acoso na Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, que a principios deste ano aprobou un informe que considera que a actitude dun dos traballadores do GES “pode ser considerada como unha conduta de acoso moral, e con respecto ao seu comportamento coa traballadora Rosa Pereira como unha conduta de acoso por razón de sexo”.
Exercer as competencias
Mais a pesar das conclusións da comisión, o presidente da Mancomunidade opta por acudir ao cuartel da Garda Civil coa acta da Inspección para que se abra unha investigación por se existise algún ilícito penal, “como se el non tivera atribuída a xefatura superior de todo o persoal e a obriga de adoptar as medidas necesarias para minimizar os riscos entre os traballadores/as”.
Diante disto, a CIG remitiulle un escrito á Mancomunidade advertíndolle sobre as eventuais responsabilidades por omisión nas que puideran incorrer, nun caso de acoso por razón de sexo, as autoridades e funcionarios/as que non tramitasen, segundo o regulamentariamente previsto, a proposta da Comisión de Investigación de Acoso na Mancomunidade.
“Esixímoslle ao presidente que exerza as súas competencias, que dea cumprimento ao ditame da Comisión de Investigación e que adopte as medidas pertinentes para resolver o conflito, como é a súa obriga; mentres iso non ocorra adoptaremos as decisións necesarias en defensa dos nosos compañeiros/as e tamén a protesta pública cando for necesario”.
Ao mesmo tempo, dende a central sindical sinalan que o acoso no traballo “é un problema crecente que non estamos dispostos/as a tolerar, porque para a CIG é un asunto da máxima preocupación; se ademais falamos de acoso por razón de sexo convértese xa en intolerábel; por iso este ano a campaña da central sindical para este 25 de novembro está centrada precisamente no acoso”.