A CIG-Administración esíxelle ao alcalde de Lalín respecto polo persoal municipal
A CIG-Administración Pública esíxelle ao alcalde de Lalín, José Crespo, respecto polo persoal municipal e manifesta o seu total rexeitamento ás declaracións realizadas polo rexedor no pleno celebrado este luns 23 de febreiro, “nas que lanzou insinuacións inaceptábeis, chegando a suxerir que as persoas traballadoras do Concello estaban a seguir a sesión plenaria en horario laboral en vez de cumprir co seu labor”.
Na central sindical consideran que as afirmacións de Crespo son unha falta de respecto “grave” e unha acusación xeneralizada “totalmente inxusta” e “impropia” de quen ocupa a Alcaldía. “Non se pode facer demagoxia nin buscar aplausos fáciles atacando a quen sostén a diario os servizos públicos; utilizar o persoal municipal como diana política é unha irresponsabilidade e unha mostra clara de falta de argumentos”.
Quen garante os servizos públicos merece consideración, non ataques gratuítos
A situación é aínda máis seria -sinalan dende a central sindical- polo feito de que estas afirmacións quedan recollidas oficialmente, “proxectando unha sombra de sospeita sobre todo un colectivo que non ten oportunidade de responder nese mesmo espazo institucional”. E lembran que o propio alcalde recoñeceu noutras ocasións a “profesionalidade e implicación dun cadro de persoal que, malia sufrir unha falta evidente de efectivos, segue garantindo o funcionamento da Administración local”.
Precisamente esa carencia de persoal -que o Goberno municipal coñece perfectamente tal e como sosteñen dende a CIG- desmonta por si soa a acusación de suposta inactividade. “A realidade é que a maior parte das persoas traballadoras están saturadas de tarefas e responsabilidades como para perder o tempo en cuestións alleas ás súas obrigas”.
Por todo isto, a CIG esíxelle ao rexedor lalinense que abandone de inmediato esta actitude e que deixe de empregar o persoal municipal como “arma política” ou “chibo expiatorio”, ao tempo que lle demandan respecto institucional e responsabilidade, “porque quen garante os servizos públicos merece consideración, non ataques gratuítos”. “Porque a confrontación interesada e a polémica de titulares non poden substituír a xestión seria. O alcalde debe de rectificar e pedir desculpas”.