A CIG-Administración do Estado revalida o primeiro posto como sindicato con máis representantes
A CIG segue a ser o sindicato con maior representatividade entre o persoal funcionario e laboral da Administración Xeral do Estado. A central revalidou a súa primeira posición nas eleccións sindicais celebradas onte ao obter 39 dos 147 delegados/as que se escollían nas xuntas de persoal e nos comités de empresa.
A continuación situouse o sindicato corporativista CSIF con 35 representantes, ACAIP/UGT (sindicato de prisións corporativista que está a soster a UGT) con 24, CCOO con 24, USO con 13, o sindicato de prisións TAMPM con 7, CGT con 2 e APFP con 3.
Somos a única organización que aposta polo sindicalismo de clase e non pacta co sindicalismo corporativista
Dende a CIG-Administración do Estado valoran moi positivamente uns resultados que evidencian o apoio do persoal estatal galego ao proxecto que representa, “e faino nun contesto nada doado, no que a CIG somos a única organización que aposta polo sindicalismo de clase e que non precisa buscar pactos co sindicalismo corporativista”.
Sinalan ademais que estes resultados “fannos reafirmarnos en que o único camiño é a loita”, ao tempo que adiantan que “seguiremos a loitar dende a honradez e a humildade, mais tamén dende a firmeza, por unhas condicións de traballo dignas para todo o persoal, por uns servizos públicos de calidade e contra a privatizacion e os recortes nos servizos públicos”.