A CIG-Administración denuncia o abandono por parte do Consorcio dos centros de maiores e as escolas infantís da comarca

Ferrol - 25 Mar 2025

A CIG-Administración Pública de Ferrol denuncia o abandono e a deixamento que está a efectuar o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cos centros da comarca, tanto en escolas infantís como centro de maiores. A central sindical apoiou e participou na concentración realizada este martes polas familias usuarias da escola infantil de Esteiro en demanda de melloras na atención educativa para as crianzas.

Nas últimas xornadas foron numerosas as protestas de persoas usuarias e as súas familias a respecto das deficiencias no servizo de comidas da Residencia de Maiores de Ortigueira pola baixa calidade das comidas subministradas polo cátering.  Esta residencia conta cunha cociña equipada dende a súa incorporación á rede do Consorcio Galego e nunca foi utilizada.

“Pedimos que se faga unha posta a punto das instalacións da cociña e se dote do persoal necesario para realizar as funcións de cociñado e servizo no propio centro, porque defendemos os servizos públicos directos e a cociña con produtos de proximidade pola calidade e polo beneficio que reporta as economías locais”, subliña a secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso.

Situación nas escolas infantís

No relativo ás escolas infantís, apunta que, dende que se acordou a xornada de 35 horas, todo o tempo é de atención directa ás crianzas anulando as horas dedicadas á programación pedagóxica, titorías, atención ás familias e ao desenvolvemento curricular da atención a diversidade.

“Necesidades imposíbeis de atender debidamente coa dotación de persoal actual e coa xestión que se está a facer por parte das persoas que xestionan as escolas infantís do Consorcio”, alerta Viso. Diante disto, a CIG leva solicitado nas diferentes mesas de negociación que se restabelezan estas horas de atención indirecta ás crianzas.

Ademais, “se xa era difícil de xestionar o traballo diario, dende o mes de xaneiro o Consorcio non cubre as necesidades de substitución do seu  persoal, chegando a estar a mínimo durante dúas semanas ou tendo que asumir funcións, traballos e horas de forma gratuíta para non deixar desatendido o servizo”. Tamén se deixaron de dar as formacións continuas para as equipas de traballo das escolas que dotaban de prestixio e calidade a este ensino da etapa 0-3.

Con todo, para Viso o máis grave é a falta de mantemento das instalacións e dos medios materiais para dar os  servizos necesarios. Pon o exemplo do acontecido na Escola Infantil de Ferrol Esteiro onde, en menos dun mes, as instalacións quedaron totalmente anegadas sen poder ofrecer o servizo.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.