A CIG-Administración denuncia a política forestal da Xunta, a ausencia de prevención e a situación do persoal

Arde Galiza e evidéncianse os problemas na xestión do servizo de incendios: accidentes e graves situacións de risco
Nacional - 13 Ago 2025

A CIG-Administración Autonómica lamenta os graves accidentes de compañeiros das brigadas estes días e solidarízase co persoal, coas súas familias e con todas as persoas que habitan nas zonas afectadas. Zeltia Burgos, responsábel nacional do sector advirte á Xunta de Galiza que “imos proceder a denunciar cada vez que se incumpra a seguridade do persoal, pediremos a investigación de cada accidente laboral e, por suposto, exixiremos responsabilidades”. Avanza ademais que “seguiremos a loitar por unha xestión de recursos humanos onde non se abuse do persoal, na mellora dos medios de extinción, na prevención e ante todo por unha xestión forestal e do territorio que free a conversión da Galiza nun auténtico polvorín”.

A secretaria nacional da CIG-Administración Autonómica alerta de que aínda non chegamos á segunda quincena de agosto e “as previsións cúmprense antes de tempo. Estamos tendo unha campaña de verán de lumes durísima, altamente perigosa e con milleiros de hectáreas queimadas”. Canda isto advirte de que os expertos anuncian que o peor virá nas próximas xornadas con Grandes Incendios Forestais (GIF) e condicións de alto risco para a cidadanía e para o persoal bombeiro, axentes forestais e o resto do persoal que traballa na primeira liña do lume. “Nestes días xa estamos a sufrir atrapamentos e situacións críticas, accidentes e lesións graves, que co cansazo acumulado e as condicións climáticas extremas previsiblemente van ir a máis”.

Subliña que as e os profesionais que traballan nos incendios da Galiza está afeitos a situacións de vaga de lume cíclicas, e fan un grandísimo esforzo, cun grande compromiso co medio natural galego e a poboación. Salienta porén “a perigosidade e o risco de GIF, que é cada vez maior pois o combustible aumenta como consecuencia dunha mala xestión forestal da Xunta que prima as especies pirófitas e altamente inflamables”.

“Escapismo” do goberno da Xunta de Galiza

Burgos denuncia, por iso “o exercicio de escapismo” do goberno da Xunta de Galiza, por responsabilizar desta situación “a dous meses de seca e a vaga de calor, provocadas pola cambio climático, eludindo o seu papel na xestión do territorio”. Nese sentido apunta que “na CIG temos claro que o que pon en risco ao noso país é o modelo forestal do PP baseado na eucaliptización e na venda do recursos naturais con ausencia total dun planeamento do territorio baseado na prevención de incendios forestais”.

A isto engade o feito “obxectivo” que se rebelou xa nos lumes do 2006 e do 2017, de que “o problema era a biomasa forestal e o tipo de vexetación que temos no monte, o que fixo a Xunta foi aumentar irresponsablemente o risco permitindo e fomentando a acumulación de biomasa pirofita”.

Nese sentido asegura que “se houbera planeamento non se permitiría plantar un só eucalipto máis, faríase unha xestión das faixas de biomasa e se recuperaría a estrutura mosaico con alternancia de cultivos agrícolas e gandería, na vez dos monocultivos forestais de crecemento rápido”.

A xestión do persoal do servizo de incendios: un desastre

A secretaria nacional do sector denuncia tamén a xestión “irresponsábel do operativo de loita contra incendios” que segue a ser, di, “improvisada e moi atomizada”. Explica que para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural “levamos xa 14 chamamentos de persoal, de máis 550 prazas, a maioría no mes de xullo. E as probas de aptitude físicas/visuais realizáronse dos días 21 ao 23 de xullo, o que significa que moitas persoas das que están hoxe a loitar contra o lume teñen apenas días de experiencia e como entraron en plena campaña, non se lles puido formar adecuadamente”.

Ademais apunta á teima da Xunta co modelo de contratación de brigadas municipais, como na que traballaban os 3 compañeiros feridos no día de onte en Oímbra, que “son brigadas non profesionais das que a contratación e xestión depende dos concellos e que tamén comezaron a traballar hai unhas semanas”.

Diferenzas nos horarios e na xestión de persoal  

Burgos explica que persisten as diferenzas de trato entre o persoal, “sobrecargando con ampliacións de xornada e horario (de 8 a 12 horas) día si e día tamén, e isto  no persoal fixo-descontinuo, xa que no persoal funcionario esa situación esta máis regulada. E, e aínda que dados os lumes que estamos a vivir poderían parecer xustificables, estamos a falar dunha carreira de fondo que de non ter descansos vai a aumentar exponencialmente o cansazo do persoal e polo tanto o risco de accidente. E por suposto a Administración segue a negarse a cubrir as vacacións e moitas das baixas que se producen: unha brigada minguada é unha brigada desprotexida; non é o mesmo traballar 2 ou 3 persoas que 6 ou 7”.

Falta de medios que aumenta o risco

 Zeltia Burgos clama, ademais, contra o feito de que o persoal “non está a recibir avituallamento nin auga nos incendios forestais, evidenciando o total descontrol na xestión no coidado do persoal que traballa nos lumes”.

Unha situación á que se suma que, logo de varios dias seguidos de grandes incendios forestais, haxa unha falta de reposición de equipos de protección individual. E que leven meses denunciando que a Administración “non garante un stock suficiente para repoñer por desgaste ou rotura ou simplemente para levar unha talla adecuada, fundamental para garantir a seguridade e non queimarse”.