A CIG-Administración demanda un novo acordo que recolla medidas salariais e de dereitos
A CIG-Administración denuncia a situación límite das condicións laborais do persoal empregado público polo avance da crise económica; a suba dos prezos; o desmantelamento dos servizos públicos, froito da lentitude das OEP, e a vixencia das taxas de reposición. Unha situación empeorada polos acordos asinados nos últimos anos por CSIF, CCOO e UGT, no conxunto das administracións públicas, “sempre sen garantir o IPC”, que supuxeron a perda de máis do 18% do poder adquisitivo. Por iso demanda unha recuperación real e efectiva para a que reclama ao novo goberno que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas.
A CIG-Administración cualifica como “ridícula” a suba do 0,5% na nómina de outubro, que supuxo un incremento de tan só 8€, de media, nas retribucións do persoal. Unha suba que engadida á acordada polos sindicatos estatais e o goberno do Estado -un 3% en 2023, malia o ano 2022 rematar cun IPC do 5,7%- deixa unha perda de poder adquisitivo do 2,7%.
Chegar ao SMI
Denuncia que estes incrementos “foron vendidos como un éxito, cando realmente foron unha renuncia” ao nin sequera establecer unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC confirmándose así “un empobrecemento sen precedentes, até o punto de que vemos como o salario de moitas e moitos empregados públicos está a medrar para adaptarse ao Salario Mínimo Interprofesional”.
Canda isto advirte de que o Acordo marco para unha administración do século XXI vence neste 2024 consolidando a perda de poder adquisitivo e sen derrogar a lexislación que impuxo os recortes no sector. Unha situación da que responsabiliza ao sindicalismo estatal porque, á vista da situación, quedou demostrado que “non é útil nada do recollido no Acordo marco que se está a aplicar”, porque o único que permitiu foi “consolidar tres anos de perda de poder adquisitivo, sen acadar ningún avance en dereitos”.
Rematar coa negociación “vertical”
Ante este panorama, a CIG-Administración exixe que remate, dunha vez por todas, a negociación “vertical” do Goberno con CCOO, UGT e CSIF. Neste sentido, o secretario nacional, Luís Carballo, explica que “o que queremos é que as decisión se tomen onde corresponde, que é a mesa xeral das administracións públicas, onde a CIG, como sindicato maioritario de Galiza, ten toda a lexitimidade para participar”. E rexeita con rotundidade que “o goberno sortee esta mesa con convocatorias previas cos sindicatos estatais”.
Avanzar en dereitos
Por iso, para que a recuperación sexa real e efectiva, a CIG-Administración demanda ao novo Goberno que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas para a aplicación de medidas como a introdución dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC garantida por lei, xunto cun aumento salarial proporcional ás perdas retributivas dos último anos, ademais da eliminación das taxas de reposición que están impedindo a recuperación de prazas nas administracións.
Reclamar axilidade nos procesos selectivos e Ofertas de emprego público que recollan todas as vacantes e a creación de prazas e a derrogación definitiva do RD-Lei 8/2010 o RD-Lei 20/2011 e RD-Lei 20/2012 que limitan a recuperación do poder adquisitivo. Isto xunto co establecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais; que se regulen no EBEP os concursos de traslados e a promoción interna, para que teñan carácter anual (ou coa aplicación dun sistema permanente) previos a outros procesos selectivos.
Tamén demanda regular no EBEP un importe dos trienios único para todos os grupos e a creación dunha Mesa de negociación da AXE na Galiza para a normalización da lingua galega no conxunto das administracións publicas e as condicións específicas dos postos de traballo no noso territorio.
Respecto da xubilación considera necesario o desenvolvemento da xubilación parcial das persoas funcionarias do Réxime Xeral da Seguridade Social e a xubilación anticipada de colectivos que desempeñen funcións en condicións de penosidade, perigosidade, toxicidade. Canda isto, demanda a recuperación do diñeiro depositado en entidades privadas e a súa integración nos salarios.
Outras das medidas contempladas pola CIG-Administración son a implantación de plans de igualdade en todas as administracións e que se estabelezan os mecanismos para que as administracións que non cumpren coa implantación dos plans de igualdade sexan sancionadas; a recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo RDL 8/2010; a actualización do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre compensación por razóns de servizo e que se promovan as accións necesarias para a modificación do citado real decreto, para a unificación dos grupos existentes.
O sindicato defende ademais a derrogación do apartado 2 do artigo 7, RD 861/1986, que establece o sistema retributivo dos funcionarios da Administración Local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatibles co novo sistema retributivo; o desenvolvemento do grupo B e integración directa neste grupo de todas as prazas ocupadas por persoal público ao que se lle esixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2º grado o equivalente.
Xunto a isto demanda acabar co abuso das horas extraordinarias; sancións administrativas para todos aqueles que utilicen ou permitan utilizar de xeito fraudulento as comisións de servizo; garantir que se desenvolva un proceso de negociación colectiva previo de leis básicas ou estatutos na Mesa Xeral de Administracións Públicas; blindar as funcións do persoal funcionario público para evitar actuacións que supoñen un impacto social, no medio natural ou na economía do país e incluír no réxime especial do mar ás persas funcionarias públicas que por razón de actividade deberan ter cabida nel ou establecer unha ponte que garanta a protección e os coeficientes redutores de telos por similitude do ámbito laboral.