A CIG-Administración critica que a oferta estatal de emprego non resolve o colapso dos servizos públicos

O Goberno español presentou a OEP 2026 sen trasladar á mesa de negociación datos concretos das prazas e a súa distribución
Nacional - 06 Mai 2026

O Goberno español aprobou este martes 5 de maio no Consello de Ministros e Ministras unha nova Oferta de Emprego Público para o ano 2026 que, na práctica, contempla as mesmas cifras que o exercicio anterior e deixa sen resolver os mesmos problemas. A CIG-Administración critica que non se produciu unha negociación real desta convocatoria, que non se presentaron datos concretos e que esta OEP non significa o reforzo dos cadros de persoal que se precisa para garantir os servizos públicos.

Aínda que o ministro para a Función Pública, Óscar López, se afanou na rolda de prensa posterior ao Consello en destacar esta oferta como un reforzo dos servizos públicos que presta a Administración Xeral do Estado, a creación de emprego e que vai servir para avanzar na modernización, “esta OEP é incapaz de resolver o colapso dos servizos públicos”.

Ademais, engade a CIG-Administración, nesta ocasión, Función Pública non trasladou á mesa de negociación números, “nin prazas concretas nin distribución real destas, só falou de liñas xerais, intensións e prioridades. Pero sen datos non hai negociación posíbel e o que debería ser un proceso de diálogo converteuse nun trámite baleiro no que a administración xa tiña todo decidido”.

Mentres, a realidade dos servizos públicos segue deteriorándose: no SEPE, o persoal continúa asumindo unha carga de traballo insoportábel; na Seguridade Social os atrasos acumúlanse e a presión sobre a atención á cidadanía non baixa; e nas oficinas de Estranxeiría “o colapso é o día a día”.

Convocatorias pendentes e procesos sen resolver

“Falamos de expedientes que se acumulan, tempos que se alongan, e persoal que non chega. Non é unha situación puntual. É o resultado dun déficit estrutural de persoal que leva anos medrando e que esta oferta, simplemente, non corrixe”, asevera Xosé Manuel Gil, secretario do sector de Administración do Estado da CIG-Administración, .

Incide en que o problema non radica no número de prazas que se anuncian, senón no feito de que moitas delas nin sequera chegan a materializarse. “Hai convocatorias pendentes de anos anteriores, procesos selectivos sen resolver, ofertas que levan case tres anos sen executarse”. Trátase pois, dun sistema de provisión “que non funciona, incapaz de transformar as cifras en persoas traballando. E así, ano tras ano, repítese o mesmo, anúncianse miles de prazas mentres os servizos seguen sen persoal suficiente”.

Sen persoal non se pode avanzar nas 35 horas

Neste contexto, apunta Gil, o acordo para implantar a xornada laboral de 35 horas no que se comprometían a reforzar os servizos públicos, e que a CIG non asinou porque carecía de garantías, “deixa en evidencia a este Goberno e aos sindicatos asinantes (CSIF, UGT e CCOO). Porque reducir a xornada sen reforzar os cadros de persoal non é avanzar, é tensionar aínda máis o sistema público”.


Critica tamén que a Administración insista en falar de planificación, de transformación e de modernización. “Xa o dicía tamén na oferta anterior, cando presentaba o emprego público como unha peza clave para reforzar os servizos e garantir a atención á cidadanía. Pero entre o discurso e a realidade segue habendo unha distancia difícil de xustificar”.

Por estas razóns, para a CIG-Administración non estamos ante unha oferta que resolva problemas, “senón ante unha oferta que os mantén. Sen negociación real, sen datos enriba da mesa e sen un reforzo efectivo dos cadros de persoal, a OEP de 2026 queda reducida a iso, un titular máis. E mentres tanto, nos centros de traballo, a realidade segue sendo a mesma”.