A CIG-Administración critica a xestión de recursos humanos na comisaría da Policía española de Vigo-Redondela
A federación de Administración Pública da CIG critica a xestión de recursos humanos na comisaría da Policía española de Vigo-Redondela, xa que o persoal de corpos xerais (non policial) está a padecer continuas decisións “improvisadas e contraditorias” por parte das xefaturas.
Esta situación provocou que nos últimos meses até cinco persoas optaran por concursar a outros organismos “aínda perdendo retribucións”, mentres que as que non o fixeron están agardando que lles xurda esa posibilidade, tal e como sosteñen dende a central sindical.
Neste senso, sinalan que o cadro de persoal “ten un máis que elevado número de postos vacantes e descoñecemos se dende a comisaría local de Vigo ou a da provincial se demandou expresamente a cobertura urxente das mesmas”.
O que si se está a facer -censuran na CIG- é a mover persoal de corpos xerais das brigadas a postos de atención ao público de forma, cando menos “pouco correcta (trasladan as decisións nos corredores, un día comunican o cambio e ao seguinte mudan de decisión, etc.)”.
Ademais, estase a destinar ás unidades de documentación a persoal policial que nalgún momento fixo un curso de expedición de documentación pero que, igual que as persoas de corpos xerais que estaban nas brigadas, non teñen experiencia na expedición de documentación. “De xeito que as persoas traballadoras con experiencia na expedición teñen que facer o seu traballo e auxiliar a compañeiras que son novas, cos conseguintes atrasos, mentres son presionadas para aumentar a súa produción”.
Postos vacantes
Neste contexto, dende a central sindical lamentan que o Ministerio do Interior tampouco aclare se no vindeiro concurso de traslados se van ofertar todos os postos vacantes a pesar da situación que se está a vivir en Vigo.
Por todo isto, a CIG dirixiuse aos responsables da comisaría local de Vigo e á Xefatura Superior de Policía de Galiza para que tomen medidas oportunas para garantir a cobertura dos postos vacantes “e analicen o clima laboral existente na unidade de expedición de documentación de persoas españolas e estranxeiras”.