A CIG-Administración concéntrase na Delegación do Goberno pola recuperación salarial e de dereitos no sector público

A central reclama un incremento do 5% para este ano, incorporar cláusulas de garantía salarial e a xornada de 35 horas
Nacional - 27 Feb 2025

Delegadas e delegados da CIG nas Administracións Públicas concentráronse este xoves na Coruña diante da Delegación do Goberno para reclamar medidas que revertan o empobrecemento dos salarios do persoal empregado público, que nos últimos quince anos perdeu máis do 20% da súa capacidade adquisitiva. A protesta desenvólvese no contexto de negociación dos Orzamentos Xerais do Estado, “na que non se está a falar dos nosos salarios”, polo que a CIG lle reclama ao Goberno español que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas.

O secretario nacional da federación, Luis Carballo, lembrou que os acordos asinados por CCOO, UGT e CSIF nos últimos anos nas administracións públicas contribuíron a esta perda de poder adquisitivo e apuntou que moitas traballadoras e traballadores públicos só viron aumentadas as súas retribucións “porque os seus salarios subiron coa alza do SMI”.

“O Goberno do Estado permite que o seu persoal cobre as retribucións mínimas, o que demostra o empobrecemento ao que está chegando o persoal ao servizo das administracións públicas”, aseverou. 

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2020-2024), engadiu Carballo, non só profundou nesta perda, “senón que tamén fracasou na súa implementación, ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes na administración pública, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012, que foron as nosas reformas laborais, e non conseguiu tampouco avanzar en dereitos”.

Cláusula de garantía salarial e incremento do 5%

Por iso, no momento no que se están a negociar os Orzamentos do Estado, a CIG reclámalle ao Goberno que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas para negociar e aplicar de inmediato unha seria de medidas que revertan esta situación de empobrecemento. “As propostas que temos son asumíbeis e factíbeis se hai vontade política” , afirmou o responsábel sindical.

De cara a garantir a recuperación do poder adquisitivo, xunto a un incremento adicional do 5% para 2025, a CIG reclama a introdución dunha cláusula de garantía salarial que vincule a suba dos salarios ao IPC, que esta cláusula estea protexida por lei e que se aplique ao conxunto do persoal. Ademais propón negociar acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación das retribucións, e que esta negociación se faga “na mesa xeral do persoal empregado público, con transparencia e sen sometemento ás centrais sindicais estatais”.

Redución da xornada laboral

Xunto ás cuestións económicas, a CIG-Administración defende o estabelecemento real da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026. “Tamén defendemos a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo para adaptarnos á realidade actual e garantir o emprego público”.

No relativo á xubilación, Carballo criticou as tentativas do Goberno de eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. No camiño contrario, salientou “defendemos a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes”.

A federación da CIG tamén propón crear un ámbito de negociación específico para Galiza “que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo. Queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos”, concluíu Carballo.

Concentracións en todas as provinciais

As protestas continuarán todos os xoves do mes de marzo, trasladándose en cada ocasión a unha provincia. Así, o día 6 de marzo farase mobilización ás 11h diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a semana seguinte na Subdelegación de Ourense e o xoves 20 haberá concentración na Subdelegación de Lugo.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.