A CIG-Administración concentrarase este xoves en San Caetano contra a Lei de Orzamentos 2023
A CIG-Administración convoca unha concentración para este xoves, día 20 de outubro, ás 11:00 horas, diante da entrada principal do edifico administrativo da Xunta, en San Caetano, contra unha Lei de Orzamentos de Galiza para 2023, que non garante nin suba salarial, nin recuperación de dereitos laborais.
A CIG-Administración denuncia que nos orzamentos para 2023 a Xunta de Galiza fixo un “copia e pega” do “pacto a perdas” negociado ás agachadas e asinado na Mesa das Administracións Públicas do Estado por CCOO e UGT, que supón unha perda de poder adquisitivo nos vindeiros anos, a sumar ao que xa leva perdido o persoal.
Denuncia ademais que non contempla ningún complemento, a maiores, que compense a maior perda de poder adquisitivo que teñen as e os empregados públicos na Galiza, cando aquí a carestía da vida é maior porque o IPC interanual está xa no 9,2%.
Xunto a isto denuncia que na Lei de orzamentos para o 2023 a Xunta manterá suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos retributivos e todos os dereitos recortados pola Lei de Medidas 1/2012 cando xa é hora de recuperalos, como é o caso do artigo 19 de V Convenio Colectivo, a suspensión de determinados artigos do Acordo de condicións do SPIF (nos que se regulan os descansos, as compensacións por noites ou domingos e festivos) ou os días de libre disposición, entre outros.
Rexeita tamén que se hipoteque, por moitos anos, a mobilidade do persoal da administración pública galega mediante a apertura de postos ao persoal doutras administracións públicas para a cobertura de prazas mediante comisións de servizos que durarán dous anos prorrogables de xeito indefinido ou que se manteña bloqueada a recuperación do Fondo de Acción Social, na contía e nas modalidades que existían até os recortes aplicadas polo PP.
A CIG-Administración apunta que tampouco se establece un complemento que incremente as indemnizacións por razón de servizo –como axudas de custe e gastos de viaxe- xa que as actuais son totalmente insuficientes para cubrir os gastos de desprazamento ou manutención, co especial encarecemento dos combustíbeis.
Taxa de reposición
Rexeita, canda isto, que se manteña a taxa de reposición, o que vai levar a facer contratacións a través de sociedades instrumentais e a que aumente a temporalidade, cando a propia Función Pública recoñece que vai a haber un número importante de xubilacións que non se van dar cuberto. “Isto, sumado á ineptitude para levar adiante as ofertas de emprego público nun prazo razoable, fai albiscar un panorama insoportable de colapso dos servizos públicos ou de privatizacións, como por exemplo a recente Residencia de Cerdedo ou Escola Infantil da Guarda”, denuncia.
Para máis, advirte do mantemento da “limitación bestial” para as substitucións ou a cobertura de prazas vacantes con interinos e interinas, porque, no canto de estender esta posibilidade a toda a administración “limítana ao que eles consideran servizos esenciais ao tempo que dan carta branca para a contratación por medio de encomendas de xestión”.
Modificación da Lei de Emprego Público de Galiza (LEPG)
En relación á Lei de medidas que modifica a LEPG, a CIG-Administración lamenta que o director xeral de Función Pública non aceptara as alegacións presentadas e xustificara o seu silencio porque “moitas delas son reiteradas todos os anos” (en referencia á multitude de propostas de mellora de condicións salariais e de recuperación de dereitos ou de melloras a mobilidade e concursos que tentamos meter todos os anos).
A CIG-Administración reclama que os dereitos recollidos no V Convenio do persoal laboral, sexan trasladados á LEPG para a súa aplicación a todo o persoal. A tal efecto reitera a súa proposta de negociar un acordo regulador antes de 6 meses. Mentres tanto, solicita a inclusión na LEPG dunha disposición transitoria que traslade os dereitos laborais do V Convenio ao persoal funcionario que non teña un acordo específico, garantindo así que non haxa perda de dereitos.