Tachan de “ridículo” o borrador para a ‘mellora’ de emprego público da Xunta
A Xunta de Galiza vén de presentar un borrador cunha proposta de acordo para as traballadoras e traballadores públicos da administración galega que “nin sequera recolle o acordo pactado en Madrid por CCOO, UGT e CSIF, que xa se veu superado polo propio IPC”.
Así o explicaba esta mañá en rolda de prensa a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, quen denunciou que “Feijóo recortou ao persoal público máis que ningunha outra Administración para vender o seu milagre económico” e denunciou que, porén, agora “pon enriba da mesa só unha parte do asinado en Madrid polos seus compañeiros de partido.
Por iso cualificou de “ridículo” un borrador que non toca aspectos como as 35 h ou eliminar os descontos por incapacidade temporal. “Só tocan tres dos seis puntos: ‘mellora retributiva’, ‘plan de estabilización’ e ‘oferta de emprego público 2018”, explicou.
Acordo de modernización da administración galega
Fronte a isto a CIG-Administración Autonómica presenta unha contraproposta na que se contemplan cuestións “de mínimos” como:
- Recuperar o complemento por Incapacidade temporal (IT) do 100%.
- Eliminar a taxa de reposición e vincular os cadros de persoal ás necesidades reais e á carga de traballo do persoal para garantir a atención dos servizos públicos, fuxindo da subcontratación das chamadas asistencias técnicas
- Recuperación do poder adquisitivo e vincular os incrementos salariais ao IPC.
A respecto desta última cuestión, Zeltia Burgos lembrou que as traballadoras e traballadores da administración autonómica viron deteriorado o seu poder adquisitivo nun 22%, de media. Por iso afirmou que “non admitimos un aumento salarial vinculado ao PIB en porcentaxes anuais relacionadas coa economía global española e non co custo da vida, ao IPC”.
Alertou ademais de que esta medida imposta ás empregadas e empregados públicos pode ser “imitada pola patronal favorecendo un marco torticeiro que aumenta as diferenzas sociais e as desigualdades”.
Ademais denunciou que a suba asinada en Madrid, e que van ratificar en Galiza, está por debaixo das previsións do IPC. “Só no caso de que se cumpran uns determinados parámetros macroeconómicos, moi difíciles de cumprir, podería chegar a non se perder poder adquisitivo”, dixo e subliñou que, segundo FUNCAS, para este ano “só hai asegurada unha suba do 1,75%, o que está un 0,25% por debaixo das previsións do IPC”.
Por iso afirmou que “só o que suba por riba do IPC pode considerarse unha mellora real, o resto é quedar como estamos, ou ben, como no caso do acordo galego, un empeoramento retributivo”.
Os representantes da CIG-Administración Autonómica defenderon ademais a necesidade de que se aborde un verdadeiro acordo de modernización da Administración galega noutros aspectos nos que a Xunta de Galiza “aínda vive na idade de pedra” respecto a outras Administracións.
Nese sentido sinalaron aspectos como o desenvolvemento obxectivo dunha carreira profesional, os concursos permanentes ou rematar co caciquismo nas comisións de servizo. “Consideramos necesario elaborar un acordo moito máis ambicioso pois moito máis ambiciosos foron os recortes e de moito máis atrás partimos en cuestión de carreira profesional”.
Plan de estabilidade e oferta de emprego público
Respecto do plan de estabilidade e da oferta de emprego público, Fernando García sinalou que neste acordo “non se aprecia ningunha mellora respecto aos anteriores, aínda sen concretar e sen executar” e denunciou que “asinan acordo tras acordo e reunen subcomisión tras subcomisión sen resolver nada, sen ofertar nada e sen convocar nada, xogando coas expectativas de moita xente que espera que se convoquen procesos selectivos de estabilización ou que se desenvolvan procesos de promoción interna dignos de tal nome”.
Isto mentres as taxas de temporalidade seguen na Administración xeral da Xunta de Galiza no 25% e no persoal laboral dispáranse preto do 40%.
Segundo García no borrador proponse tamén unha taxa de reposición que só poderá superar o 100% en determinados sectores e baixo determinadas circunstancias económicas. A este respecto lembrou que a taxa de reposición considera só a cobertura dos postos por xubilación, “ou sexa que como moito estaríamos mantendo os niveis de profesionais públicos que se xubilan e sen chegar a recuperar os varios centos que eliminaron nestes últimos 8 anos”, matizou.