A CIG-Administración Autonómica reclama a xestión pública das cociñas nas Galiñas Azuis

Denuncia que ao privatizar o servizo xa non están no programa de control sanitario
Nacional - 07 Nov 2019

A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar a mala calidade da alimentación e intoxicacións continuadas que se están a dar nas escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza. “Coa nova intoxicación que se produce na Galiña azul de Carral volve a evidenciarse o risco que sofren os nosos pequenos polos “servizos de catering” en vez de cociñas própias”, afirma.

A responsable nacional da CIG-Administración Autonómica explica que as cociñas con persoal propio teñen un sistema de control sanitario da Xunta e que, porén, ao eliminarse a xestión publica e venderse o servizo cara empresas de catering xa non está no programa de control sanitario e do REGASA (base de datos do rexistro sanitario galego). “Elimínase desta forma a presión inspectora a estas grandes empresas que operan nas cociñas dos centros públicos e  distribúen a comida ao longo do país buscando o máximo beneficio e xogando coa saúde dos usuarios e usuarias”.

Burgos considera que ademais de que aos alimentos estean en bo estado tamén teñen que ser adecuados para a alimentación dos pequenos, así debese eliminar a presenza de graxas trans, alimentos alerxénicos, sucres e aditivos ou incluso exceso de sal. “Pero os pais e nais descoñecen que materia prima que se emprega e si a Xunta esta facer cumprir a lei e as recomendacións de alimentación escolar vixentes onde se marcan limitacións a estes ingredientes”.

Por iso, desde a CIG-Administración Autonómica reclaman de novo que a cociña e os comedores formen parte do servizo público porque “a alimentación dos nosos nenos e nenas debe ser de proximidade, equilibrada, saudable e por suposto sen traslados que aumentan os riscos de intoxicación”.