A CIG-Administración Autonómica exixe o cese do Director Xeral de Función Pública
Persoal da administración autonómica concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para demandar o cese do Director Xeral de Función Pública pola súa “nefasta” xestión; a “chapuza” da funcionarización obrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos e exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; procesos de promoción interna e unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal.
Así o explicou a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, quen responsabilizou a José María Barreiro de levar “máis de 11 anos demostrando unha continuada e manifesta ineptitude na xestión do persoal da Xunta de Galiza”. Por iso presentaron un escrito formal dirixido ao Presidente da Xunta e outro ao conselleiro de Facenda para que se proceda de inmediato ao seu cese.
Entre outras cuestións Burgos denunciou a falta de mobilidade do persoal e afirmou que “levamos case catro anos sen concurso de traslados para corpos xerais e moitos máis para corpos especiais e persoal laboral. Este Director Xeral está a promover unha mobilidade a dedo, por medio de comisións de servizo das que temos xa denunciadas máis de 400 ilegais”.
A este respecto lembrou que só en 2018 a CIG-Administración Autonómica contabilizou 984 comisións e 1.301 renovacións, o que dá un total de 2.285 e no que vai de ano un total de 380 máis 760 renovacións, o que dá un total de 1.140.
Para Zeltia Burgos as comisións de servizos son unha forma “subxectiva de pedir un traslado e non é de recibo”. Por iso reclamou que se convoque de inmediato un concurso de traslados.
A responsábel nacional da Autonómica alertou ademais da alta temporalidade que hai na Xunta de Galiza que “acada o 60% no persoal de incendios”. Acusou tamén disto ao Director Xeral pola falta de Ofertas de Emprego Público porque “nin sequera se cumpre a taxa de reposición coa que se autolimita. Apenas hai uns centos de prazas cando hai milleiros de prazas en fraude de lei e temporais na Xunta de Galiza”. Burgos denunciou, por iso, o alto nivel de precariedade e cualificouno de “intolerable”.
Ausencia de negociación colectiva
Xunto a isto denunciou tamén que as mesas de negociación colectiva están “corrompidas” porque se adoptan as decisións sen asinarse previamente os acordos ou estes son acadados con determinadas organizacións sindicais “por detrás”, eludindo así abordar as cuestións que afectan a todas as empregadas e empregados públicos no lugar onde se ten que facer. “O que se produce é unha distorsión do feito da negociación colectiva, como prohibir a información”.
Neste sentido explicou que hoxe en día “non temos sequera acceso ao buzón de postos de temporalidade, nin sabemos as prazas que están vacantes. Isto sería grave nunha empresa privada pero é inadmisible na administración pública”, concluíu.