A CIG-Administración Autonómica denuncia o atraso na vacinación do persoal das escolas infantís
A CIG-Administración Autonómica leva semanas exixindo a vacinación do persoal das escolas infantís da rede Galiña Azul que dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza. Sinala que, polo de agora, comezaron os chamamentos nalgún centro privado e da Axencia de Política Social, mais da rede galega, que conta co maior numero de escolas de 0-3 anos públicas, “nada se sabe aínda”.
A responsable nacional do sector da Administración Autonómica, Zeltia Burgos, advirte dos riscos que ten este persoal polas características das súas funcións de coidado e atención das crianzas, que non poden portar máscara e coas que non hai distancia de seguridade posible, pois hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer, cambialas...
Por iso asegura que “non se entende que se citara antes ao persoal docente daquelas idades nas que o alumnado usa máscaras e non se priorizou a este persoal que traballa con cativas de cero a tres anos”.
Xa se citou ao persoal das escolas infantís privadas
Burgos afirma que nin o Xerente do Consorcio, nin o subdirector de persoal da Consellería de Política Social, pasando pola xefa territorial e a Consellería de Sanidade “dá explicacións de que está a suceder coas vacinacións” e que “ninguén explica por que, por exemplo, non se chamou ás traballadoras públicas do Consorcio e xa se citou as traballadoras das escolas infantís privadas”.
Considera que non se esqueceron porque xa se procedeu á recollida de datos para a vacinación hai mais de dúas semanas para remitírllelo a Sanidade. “Porén hoxe aínda seguen mutis, aínda cando comezaron a vacinacion da poboacion xeral entre 50-55 anos en varias áreas sanitarias, sen ter citado aínda a persoal esencial das escolas infantís da Rede galiña Azul (máis de 145 centros)”, di.
Demanda de aclaracións
Por iso demandan aclaracións sobre esta demora e exixen que se proceda xa a vacinar ao persoal público; que se aclare cando se enviaron eses datos a Sanidade dende o Consorcio e por que non se actuou coa celeridade que se precisa nunha situación de pandemia. “A inutilidade do Consorcio na xestión da pandemia levounos a realizar numerosas denuncias na inspección de traballo, por non garantir a seguridade e saúde do seu persoal. Esta de agora é unha mostra máis, xa que non se entende que citen ao persoal dos centros privados e que se deixe de facer co persoal público.