Acusan a presidenta da Deputación de Pontevedra de mentir na xestión dos casos de covid
A CIG-Administración denuncia que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, minte cando afirma que o persoal que foi posto en corentena tras o positivo dun menor do centro Príncipe Felipe deu negativo nas probas PCR.
Dende a central critican que a máxima responsábel da institución provincial traslade aos medios de comunicación información non veraz, “xa que non é certo que todo o persoal pasase xa as probas cando o asegurou a presidenta; de feito, onte ao mediodía aínda había persoas ás que non se lles fixeran”.
Neste senso, reclaman máis axilidade coas probas ante un caso coma este, “pois entendemos que se lles deberan ter feito ao persoal e aos menores ao mesmo tempo e no propio centro, e non obrigar o persoal en corentena a trasladarse ao hospital para realizalas”.