A CIG adhírese ao comunicado de Galiza por Palestina polo 25 de Xullo e o 20 aniversario da formación da asociación
A CIG adheriuse e quere manifestar publicamente o seu apoio ao comunicado que Galiza por Palestina fai público con motivo da conmemoración do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, e ante a proximidade da celebración do 20 aniversario da formación da asociación.
No manifesto, Galiza por Palestina fai unha avaliación da súa traxectoria, con especial mención aos máis de nove meses de xenocidio en Gaza, e agradece o traballo e apoio das organizacións galegas e das persoas que a título individual "fan posíbel as accións e convocatorias que converten Galiza nun exemplo excepcional de compromiso co pobo palestino".
A seguir, reproducimos o comunicado de Galiza por Palestina.
25 de Xullo, Galiza con Palestina
Este 25 de xullo, reivindicamos, un ano máis, o Día da Patria Galega. Celebraremos a unión de tantas persoas no espírito de solidariedade internacionalista e berraremos ben alto pola defensa do dereito de autodeterminación dos pobos. Nesta data tan significativa para o noso país e ante o inminente aniversario dos 20 anos da formación da nosa asociación, cremos que é necesario reflexionar e avaliar a nosa traxectoria.
Levamos vinte anos denunciando as colaboracións de institucións galegas co estado de Israel e chamando ao boicot e ás sancións"
Galiza por Palestina é a organización de solidariedade máis antiga das presentes no noso país, non só pola data de rexistro e presentación pública da nosa asociación, senón tamén polos anos de activismo previo e compromiso que constitúen as bases da nosa fundación. Anos de activismo internacionalista na Galiza e compromiso coa liberdade dos pobos. Nacemos grazas ao traballo de organizacións como os Comités de Solidariedade con América Latina (COSAL), os Comités de Traballo Internacionalista, as asociacións de apoio ao pobo Saharauí, o compromiso con Cuba ou a pioneira Asociación Galega de Amizade con Palestina (AGAP), entre tantas outras organizacións internacionalistas na Galiza. Os lazos e as redes que coidamos e ampliamos están en continua evolución e avance, sempre atentas á realidade social.
Non comprendemos o noso traballo sen a colaboración con outros colectivos e sempre atentas á pluralidade, á diversidade, ao feminismo, o sindicalismo, o movemento LGBTQIA+ e ao activismo social no seu conxunto. A nosa acción abrangue un amplo espectro de loitas que fortalecen a nosa misión e a nosa visión de solidariedade.
Desde a nosa fundación, o noso traballo está enfocado á denuncia das inxerencias do sionismo na política galega. Levamos vinte anos denunciando as colaboracións de institucións galegas co estado de Israel e chamando ao boicot e ás sancións, na liña marcada polo movemento de boicot a Suráfrica en denuncia ao seu estado de apartheid. Tamén levamos 20 anos de relación con partidos, sindicatos e organizacións sociais palestinas, fomentando as colaboracións e investimentos en proxectos sociosanitarios na Palestina. Defendemos o dereito á autodeterminación, á resistencia e á autoxestión do pobo palestino, sen atender ás presións e á covardía daquelas persoas que seguen a liña marcada polos medios oficiais.
Somos tamén unha organización interxeracional, con persoas asociadas de distintas idades e aberta ás novas incorporacións que amplían e reforzan o debate interno. Nestes anos de traballo, non somos alleos a moitos intentos de boicot interno e acusacións interesadas. Sufrimos espionaxe, coaccións e denuncias de asociacións de amizade con Israel e mesmo das súas embaixadas. Tampouco somos alleas aos intentos de apropiación da causa palestina, e por iso entendemos perfectamente o valor dos lazos de solidariedade e o traballo común para manter o obxectivo de apoio ao pobo palestino por riba de diferenzas ideolóxicas.
O noso país demostra unha solidariedade excepcional e unha capacidade de mobilización que evidencia o forte compromiso do pobo galego coa causa palestina"
É importante destacar que Galiza é un dos territorios con máis mobilizacións pro Palestina. O noso país demostra unha solidariedade excepcional e unha capacidade de mobilización que evidencia o forte compromiso do pobo galego coa causa palestina. As manifestacións, actos públicos e campañas de sensibilización que teñen lugar en Galiza son unha mostra palpable da nosa vontade de xustiza e apoio aos dereitos do pobo palestino.
Neste contexto, Galiza por Palestina, organización que fai parte da Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina, ten desempeñado un papel fundamental, organizando e coordinando moitas destas mobilizacións xunto con organizacións afíns como a Asociación Galaico Árabe Jenin e Mar de Lumes. Como mantemos desde o comezo das convocatorias, esta axenda de concentracións é posible grazas á rede de solidariedade galega coa Palestina que, sen ter sido constituída oficialmente como plataforma, son ducias de asociacións, colectivos e entidades galegas moi diversas que traballan para facer posible este feito extraordinario. Non nos cansaremos de recoñecer que este tecido solidario está nas bases da sociedade galega. Ademais da emoción por este traballo, sentimos a necesidade de expresar a nosa preocupación polo feito de que certos espazos, que se presentan como inclusivos e abertos, estean a censurar a presenza de determinados colectivos ou simboloxías. O noso concepto de internacionalismo é amplo e profundamente respectuoso cos pobos, e esa é a liña que seguimos e defendemos.
Agradecemos o traballo e a axuda continua das organizacións afíns que continúan na Coordinadora, de organizacións políticas e sindicais, de colectivos sociais que loitan polos dereitos civís, de entidades culturais e solidarias, de asociacións veciñais e de tantos outros colectivos que fan parte da inmensa rede de solidariedade galega. Nestes nove meses e nos dezanove anos anteriores, comprobamos como a unión e o obxectivo común fan a forza e provocan as mudanzas. Por todo isto, chamamos á unión dos movementos sociais da Galiza, e a manter estas redes de traballo inmenso en futuras accións e convocatorias.
Na unión, somos máis fortes. Viva Galiza e viva Palestina!
Desde o río até o mar, Palestina vencerá!