A CIG adhírese á “Proclama de Caracas” en prol do diálogo pola paz, a soberanía e a democracia Bolivariana
A CIG vén de adherirse, xunto con outras organizacións sociais e políticas de Galiza a “Proclama de Caracas” saída da Xornada Mundial Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana.
MANIFESTO DE CARACAS
Nós, representantes de organizacións políticas, sociais e relixiosas, de traballadores e traballadoras da arte, da literatura e o pensamento, chegados de 60 países a Caracas do 16 ao 19 de setembro de 2017 para celebrarmos a Xornada Mundial Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana, proclamamos a nosa resolta solidariedade co pobo e o goberno de Venezuela a vista das agresións do imperialismo norteamericano, que entremete a diario falsidades perniciosas contra a Patria Bolivariana. A expresión máis dramática destas insidias, é a violencia fascista desatada nos meses de abril e xuño deste ano, que roubou 115 vidas, deixou milleiros de feridos e estragos dos que se perde a conta, amais do desasosego e inquedanza causados a todo o pobo de Venezuela.
Arestora, o imperialismo norteamericano exerce a agresión política de xeito directo na persoa do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, quen a máis de ameazar co uso das forzas militares baixo o seu mando contra Venezuela, dirixe un cerco diplomático insólito dende a Organización de Estados Americanos (OEA) coa colaboración de algún goberno da área, no seu obxectivo de furar as bases da Democracia Bolivariana, no entanto oficializa a práctica xa establecida do bloqueo financeiro a medio dunha Orde Executiva “dirixida a afogar a economía de Venezuela”.
A agresión imperialista contra a Revolución Bolivariana é una patente violación da Proclama de América Latina e o Caribe como Zona de Paz, aprobada por todos os países da rexión durante o II Cumio da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) celebrado na Habana en xaneiro de 2014, na que se defende o soberano dereito de cada país a definir o seu propio destino sen imposición de terceiros.
O goberno do presidente Donald Trump, xunto con voces ben coñecidas da oposición anti-nacionalista venezolana, executa un plano encamiñado a descompor as institucións do Estado, a medio de trampas que foron expostas a luz e denunciadas mercé unha decisión política de altura, baseada no pensamento filosófico do Comandante Hugo Chávez, líder histórico da Revolución Bolivariana, como foi a votación, instalación e posta en marcha da Asemblea Nacional Constituinte.
O pobo de Venezuela enceta coa Constituínte unha páxina histórica que consolida e afonda as bases do Estado social, democrático, de dereito e de xustiza, consagrado na Constitución Bolivariana do ano 1999; a maiores, con este texto, o pobo atinxe a paz, nunha transparente demostración do fracaso das forzas de extrema dereita que protagonizaron o terror da violencia xeneralizada.
Nós, representantes de organizacións políticas, sociais e relixiosas, de traballadores e traballadoras da arte, da literatura e o pensamento, que asistimos a esta Xornada Mundial baixo o lema Todos Somos Venezuela: Diálogo pola Paz, a Soberanía e a Democracia Bolivariana, compartimos a transcendencia do diálogo político promovido polo presidente Nicolás Maduro, de a pouco manifestada no encontro, celebrado na República Dominicana, entre os representantes do Goberno Bolivariano e os da chamada Mesa da Unidade Democrática, que compromete a todos os actores da oposición venezolana. O noso voto decidido pola proposta de diálogo adiantada polo Goberno Bolivariano.
En desacordo explícito co que está a manifestar a extrema dereita polo mundo adiante a traveso das transnacionais da desinformación, a axenda electoral e democrática de Venezuela honra con precisión o seu calendario. Nunhas semanas haberá comicios rexionais, mentres os municipais e presidenciais serán no 2018, igual que o referendo que debe sancionar o novo texto constitucional, en elaboración pola Asemblea Nacional Constituinte. Que pais do mundo pode expor unha práctica democrática de tal dimensión?
Éis a razón para condenarmos a falsidade ruín, as noticias mentireiras e a deformación da realidade venezolana coas que a diario buscan desacreditar a Revolución Bolivariana e o goberno lexítimo do Presidente Nicolás Maduro.
Queremos sumar o noso apoio ao esforzo que fan o Goberno e o pobo de Venezuela por superaren os problemas de importancia causados pola guerra económica que están a promover dende as mais altas esferas do goberno dos EUA.
A prol da paz, a soberanía e a democracia bolivariana, comprometémonos a levar diante unha ampla e permanente xornada de solidariedade en cada país, sobre a base de cadansúa organización política, social, relixiosa, democrática, de traballadores e traballadoras representados nesta xornada,
Véndose no espello de Venezuela, os pobos de América Latina, o Caribe e o mundo enteiro, non poden de ningunha maneira eludir a defensa de Venezuela, se consideran que o que alí se está a defender é o dereito a soberanía, a independencia, a autodeterminación e a integración dos nosos pobos.
Parafraseando a José Martí, defendendo a independencia de Venezuela, librarémonos de que os EUA caia outra volta coa mesma saña sobre as nosas terras de América.
Caracas, 19 de setembro de 2017