A CIG, ADEGA e PDRA recorren xudicialmente o proceso de concesión de augas para Altri

Presentaron recurso contencioso-administrativo contra a denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude
Nacional - 29 Set 2025

A CIG, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron hoxe o inicio de accións legais conxuntas, por medio dun contencioso-administrativo, contra a denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude de concesión de augas para Altri, por ter transcorrido o prazo máximo legal sen que a Xunta o resolvera. Deste xeito, as tres organizacións fanse eco dos milleiros de alegacións achegadas pola cidadanía contra a concesión de augas solicitada pola empresa para a instalación dunha macro celulosa na comarca da Ulloa.

Segundo lembraron esta mañá en rolda de prensa responsábeis das tres organizacións, na tramitación da concesión de augas de Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tras os cales a solicitude entenderase desestimada. O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o BOP da Coruña publicou o Anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galiza Centro da apertura do trámite de competencia de proxectos desta solicitude. Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial.

Consecuentemente, a CIG, ADEGA e PDRA, xunto cunha manchea de colectivos e particulares, solicitáronlle o pasado mes febreiro á directora de Augas de Galiza que declarara a caducidade do procedemento, “sen termos recibido resposta expresa pasados tres meses, polo que a petición ficou desestimada”. Entón decidiron recorrer en alzada a desestimación, e desta volta si que houbo resposta: en agosto a presidenta de Augas de Galiza desestimou os recursos porque o transcurso do prazo para resolver unha concesión implica poder considerala desestimada, mais non determina o arquivo do expediente. “Isto significa que Augas aínda podería resolver fóra do prazo máximo, e mesmo autorizar o caudal solicitado por Altri”.

Na súa resposta, o Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións de Augas de Galiza xustificaba a súa demora en resolver na <<complexidade do procedemento concesional, que inflúe nos tempos de tramitación, excedéndoos pero sen que, en ningún caso, dito exceso poida traducirse en prexuízos para terceiros interesados>>. Porén, as entidades recorrentes consideran que esta demora causa inseguridade xurídica, e un prexuízo ao interese público invocado polos alegantes, que defendían que o caudal solicitado por Altri fora dedicado a usos ambientais e de abastecemento, obxectivo contrario ao pretendido pola pasteira.

Segundo recurso da CIG

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que a central sindical súmase á presentación deste recurso promovido por ADEGA “ante o intento obstinado da Xunta en seguir mantendo aberto un expediente a pesar do masivo e unánime clamor social de oposición a Altri”. E fixo fincapé en que se trata do segundo contencioso administrativo da CIG contra a Xunta no expediente de Altri, tras o formalizado recentemente ante a disolución de Impulsa Galicia, sociedade pública promotora do proxecto, “nun intento de eliminar probas do atentado e das ilegalidades queo Goberno galego está a cometer con todo o que rodea a Altri”.

Un proxecto que enmarcou na “brutal ofensiva” que, ao igual que no franquismo destruíu ríos, terras e montes, pon en perigo sectores económicos e produtivos que co seu traballo xeran riqueza para o país porque a Xunta pretende deixar recursos estratéxicos en mans de fondos de investimento e do capital. “Negámonos a que sexan expropiados e que se faga negocio con eles a costa de provocar non só un desastre social senón tamén a ruína destes sectores”.

Carril incidiu en que as propia ONU establece o dereito á auga como fundamental para ter unha vida digna e para garantir os dereitos humanos “Trátase dun ben de titularidade pública que debe de estar baixo o control público para garantir que a súa produción e xestión sexa xusta social e territorialmente”.

Neste senso, sinalou que a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación galega pasa por un uso da auga responsábel e público que non poña en perigo aqueles sectores de actividade que proporcionan alimentos básicos á poboación. “O río Ulla é o símbolo do espolio e a depredación dos nosos recursos, que o PP e a Xunta pretenden poñelos ao servizo do capital”, denunciou.

Finalmente, citou a sentenza que a CIG logrou do TSXG anulando o Decreto 102/2023 que privatizaba os procedementos de avaliación ambiental “e que desmontou as mentiras do presidente da Xunta, que insiste en que os técnicos decidirán a viabilidade do proxecto; deste xeito impedimos que esta decisión quedara en mans de empresas privadas que puidesen actuar ao ditado de criterios políticos”.