A CIG acusa á Xunta de pretender chantaxear as persoas desempregadas para agochar as súas incompetentes políticas de emprego
Rueda anunciaba este luns, ao remate do Consello da Xunta, a última ocorrencia do seu goberno: “afinar as listas de demandantes de emprego, de xeito que só figuren as persoas que realmente estean interesadas en atopar traballo”. Un eufemismo que para a CIG significa, en realidade, que “o Partido Popular pretende, por unha banda, maquillar as listas do paro e, pola outra, chantaxear ás persoas desempregadas dos colectivos máis vulnerables do mercado laboral, para convertelas en man de obra barata, e nas condicións que as empresas decidan impor, baixo a ameaza de perder os seus xa escasos dereitos”.
Así o entende o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío quen acusa á Xunta de “querer desviar a atención da súa propia inutilidade e das súas incompetentes políticas de emprego, responsabilizando a eses colectivos con máis dificultades para atopar un traballo da súa propia situación”.
González Sío lembra que a CIG leva anos denunciando a propia lei de emprego e as consecuencias da privatización dos servizos públicos, de que se lle dea máis poder ás empresas de colocación e as ETTs. “O único que se conseguiu é que haxa colectivos que queden absolutamente fóra do mercado laboral e que dependan das políticas sociais para poder ter non só unhas condicións de vida mínimas, senón mesmo de supervivencia”.
Considera un “despropósito” que ante esta situación a Xunta, en lugar de revisar as súas inútiles políticas laborais o que faga é “perseguir e culpar as colectivos máis precarizados”, entre os que apunta as persoas con menos cualificación, as persoas desempregadas de longa duración, a mocidade e, sobre todo, as mulleres.
Manipular as estatísticas
O secretario confederal de Emprego acusa ao Partido Popular de pretender manipular así as estatísticas “para quedar de campión no Estado español, presumindo dunha das taxas máis baixas de emprego, pero facendo que a xente pase máis calamidades, xustamente no momento onde todos os informes falan de que nunca houbo tanta xente que viva por debaixo do limiar da pobreza”.
Lembra o mal funcionamento dos servizos de colocación e que mesmo o persoal do SEPE está valorando a convocatoria de protestas pola falta de efectivos. “Os servizos públicos de emprego necesitan contar cos medios humanos e materiais necesarios para acompañar ás persoas demandantes nos seus distintos itinerarios e deben proporcionarlles todas as ferramentas posibles para que encontren o traballo das especialidades que eles queiran”.
Para González Sío é “perverso”, ademais, poñer en cuestión o acceso a axudas como a RISGA. Entende que cunha decisión de tal “irresponsabilidade social” como esta “abandona á súa sorte ás persoas que, polas súas circunstancias, o capital xa dá por descontadas e que non contan para nada no proceso de desvalorización do traballo e capitalismo salvaxe que vive a clase traballadora.”.