A CIG acusa o presidente da Xunta de mentir coa nova ambulancia para o Deza
O responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, compareceu recentemente en rolda de prensa xunto a delegados sindicais da central no servizo de ambulancias de Silleda, Lalín, e A Estrada para denunciar que o presidente da Xunta mentiu cando anunciou no Parlamento que ían dotar a comarca do Deza dunha nova ambulancia tras a morte dun veciño de Dozón que agardou 45 minutos a seren evacuado.
Aboi acusou a Núñez Feijóo de enganar á cidadanía cando asegurou que a comarca do Deza contaría cun novo vehículo de emerxencias, “porque co concurso de adxudicación so servizo pechado é imposíbel que poidan ampliar as ambulancias, polo menos até que pasen dous anos; fíxose nalgunhas localidade de xeito excepcional, pero transcorridos dous anos do inicio do concurso”. Por iso considera que o presidente da Xunta ou ben mentiu ou ben “non se entera de nada”. “Non sabemos o que é peor, un presidente que minte ou que non sabe do que fala”.
Sinalou que en todo caso o que se pode poñer, porque así figura no contrato, é unha ambulancia de apoio como as que houbo en Lalín até febreiro de 2018, cando a empresa decidiu retiralas porque o que cobraban da Xunta “non daba nin para pagar o gasóleo”. Ademais, o vehículo -igual que se sospeita que pode pasar agora- Só levaba un técnico/, “e os propios/as médicos/as negábanse a ir nela porque non se podían poñer nin de pé”, lembran os delegados da CIG nas ambulancias.
O concurso non obriga a que estes vehículos estean dotados de material nin de técnicos/as, “ e ademais páganlles unha miseria, arredor de 30 euros por servizo”, criticou Aboi. De feito, houbo empresas que foron denunciadas por poñer ambulancias de apoio sen estar cubertas a nivel sanitario e técnico.
Tanto o responsábel da CIG como os delegados sindicais sinalan que o descontrol existente no servizo e a falta de medios están detrás dos cada vez maiores incidentes que se producen, algúns deles graves como a morte de Dozón, e outros menos como o recente caso dunha veciña de Lalín que tivo que chamar un taxi ante a tardanza da ambulancia.
“Feijóo ou mentiu ou non se entera”
Explicaron que o concurso, que vén de poñerse en marcha o pasado día 15 en toda Galiza a excepción da área sanitaria Santiago (inclúe A Estrada, Lalín e Silleda), contempla para esta zona tres ambulancias do 061 para dar cobertura a 80.000 persoas nun radio de preto de 2000 quilómetros cadrados. Estas ambulancias fan unha media de 6500 servizos ao ano en total, dándose o caso de que cada servizo de Lalín ou Silleda demórase de dúas a tres horas pola lonxanía do hospital de referencia, “polo que a ambulancia está máis tempo ocupada”.
Mais o novo concurso o único que varía con respecto ao anterior é que amplía algunhas ambulancias en certas zonas, pero non na comarca do Deza nin na Estrada, “o que demostra que non atenderon as moitas queixas expresadas pola veciñanza destas bisbarras; non melloraron nada o servizo a pesar de que se trata de comarcas moi amplas, que ademais teñen empresas moi importantes”.
Neste contexto, o presidente da Xunta asegurou días atrás no Parlamento galego que ían poñer unha nova ambulancia na zona, pero non aclarou que se trata dunha ambulancia de apoio para Lalín. “Entón que vai pasar coa Estrada, Silleda, Forcarei, Agolada, Dozón, Rodeiro Cerdedo”, pregúntase Aboi, ao tempo que dubidou de que estas ambulancias poidan atender os pacientes se non están dotadas a nivel sanitario nin técnico.
Lembrou que o propio responsábel do 061 recoñeceu nunha xuntanza coa CIG que as ambulancias de apoio son para transporte, e no caso de que cubran emerxencias teñen que ser dotadas de material e persoal.
Como exemplo do que está a acontecer na zona, citou o caso dunha paciente oncolóxica da Agolada que foi ao tratamento a Santiago en ambulancia. “Esta persoa ergueuse cedo, rematou o tratamento ás catro da tarde e chegou a casa ás dez da noite; isto está a pasar todos os días; non é que as empresas non poñan ambulancias, o que pasa é que hai un descontrol total da Xunta”.
Diante disto, considera que “a solución non é dicir que temos a mellor sanidade do mundo; temos unha boa sanidade, pero mal dotada, mal pagada e mal organizada pola Consellería, porque prefiren que haxa mortes a ampliar as dotacións”. Neste senso, os delegados sindicais revelaron casos nos que os médicos/as teñen que ir en taxi a un servizo porque a ambulancia está ocupada.
No que respecta á morte de Dozón, explicaron que a ambulancia da Estrada e de Silleda atopábase cubrindo urxencias en Lalín. “Ese día deixouse descuberto a Estrada, Silleda, Forcarei e Cerdedo. E dixeron que a ambulancia da Estrada estaba facendo un retorno a domicilio, non saben nin filtrar. O que fan é desvestir un santo pa vestir outro”.