A CIG acusa á Xunta de “manipulación malintencionada dos datos” facilitados sobre os custos dos/as liberados/as sindicais

Explica que hai 150 para un total de 90.000 empregados/as públicos/as
Compostela - 09 Mar 2016
O sector da Autonómica da CIG-Administración acusa á Xunta de ofrecer información sesgada no apartado Actividade Sindical do “Portal da transparencia e goberno aberto” e de manipular os datos co obxectivo de “contribuír á criminalización da actividade sindical”. Asegura que “na administración galega ningún delegado/a sindical cobra por exercer funcións sindicais” e que “o salario que perciben é o que lles corresponde polo seu traballo como empregados/as públicos/as”.

O sector da Autonómica da CIG-Administración denuncia que coa información publicada pola Xunta “estase a transmitir a idea errónea de que a actividade sindical supón un custe extra para a administración, cando é algo rotundamente falso” e o cualifica como “burdo exemplo de manipulación malintencionada de datos”.

Por iso exixe á administración galega o máximo rigor e seriedade “en aras a ofrecer unha transparencia real e verdadeira”.

150 liberados/as para preto de 90.000 empregados/as públicos/as

Fronte á información que figura no portal, a CIG-Autonómica explica que para un ámbito de case 90.000 empregados/as públicos/as e co fin de levar adiante a obriga de representación e negociación que impón o Estatuto Básico do empregado público, a lei de función pública -agora Lei do emprego público de Galiza-, a Administración e as Organizacións sindicais acordaron un total de 150 dispensas sindicais asociadas a titulares de mesas de negociación en todos os ámbitos (Administración Xeral, SERGAS, Ensino e Xustiza).

Atendendo a isto, hai un liberado/a sindical por cada 600 empregados/as públicos/as, o que dá un total de 150 e 692 delegados/as sindicais con horas, tal e como marca a Lei orgánica de liberdade sindical e o estatuto dos traballadores.

MESA XERAL DE EMPREGADOS/AS PUBLICOS    

15

MESA XERAL DE FUNCIONARIOS/AS            

15

MESA SECTORIAL DE FUNCIONARIOS/AS   

15

MESA SECTORIAL DO SERGAS  

15

MESA SECTORIAL DE XUSTIZA  

10

MESA SECTORIAL DE DOCENTES             

15

COMISION DE PERSOAL

4

COMITE INTERCENTROS PERSOAL LABORAL

13

MESA SERGAS 

24

DISPENSAS PARTICIPACION      

24

TOTAL

150

Respecto do suposto custo deste persoal a CIG-Autonómica asegura, con total rotundidade, que é de “cero €” porque “esteamos en funcións sindicais ou non a Xunta nos ten que pagar o noso salario e este aparece nos Orzamentos Xerais”.

En todo caso, matiza que o único custo que podería haber sería a substitución das persoas liberadas. Porén asegura, que isto non se fai, que a Xunta non o quere reflectir e “nós estimamos que non é nin a décima parte do que aparece reflectido”.

Ademais denuncia que a Xunta tampouco pon a relación de persoas coas horas da que dispoñen. “ No seu lugar, mete a todos e todas as delegadas e delegados no lote de liberado/a a tempo completo independentemente do crédito horario dispoñíbel a cada un (10 horas, 20, 30...)”.

A CIG-Autonómica é partidaria de que aparezan todos os datos dos representantes sindicais, delegados e liberados, co posto de traballo, as horas sindicais que teñen, e os salarios, así como quen está substituído e quen non.