A CIG acusa a Textil Lonia de aplicar un ERE encuberto
A compañía Sociedad Textil Lonia (STL), con sede en Ourense, pechou 2018 con 46 despedimentos e 71 baixas voluntarias, segundo datos da propia empresa, o que supón un 15% do seu cadro de persoal. Dende a CIG acusan a dirección de aplicar un ERE encuberto, xa que o Estatuto dos Traballadores/as fixa o 10% como límite para definir un despido colectivo, ao tempo que denuncian que o emprego fixo que se destrúe está a ser substituído por postos de traballo en precario.
Para a firma ourensá traballan de xeito permanente unha media de 750 persoas, o que significa que máis do 15% do total do cadro de persoal foi despedido e substituído por novas contratacións. “En aparencia podería parecer unha rotación relativamente natural. Sen embargo chama poderosamente a atención o feito de que a práctica totalidade das rescisións de contrato afectaron a persoas con moita antigüidade e con formación contrastada”, sinala o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo.
Queremos constatar novamente o enorme contraste que existe entre o glamour de certas prendas de grandes e coñecidas marcas coa realidade que hai detrás das etiquetas, dos procesos industriais e das persoas que fan posíbel que eses modelos luzan nos escaparates.
Segundo denuncia, STL utilizou a figura do “despedimento disciplinario” e, “sen discutir os feitos”, conciliou na Unidade de Mediación Arbitraxe e Conciliación e pagou a máxima indemnización legal posíbel. “Calculamos que neste capítulo gastou arredor de 900.000 euros, o que nos parece un dispendio e un despilfarro absolutamente innecesario, máxime cando, a maioría dos despidos foron de persoal veterano e experimentado”.
Na opinión do dirixente sindical, tampouco deixa de sorprender o feito de que máis de 70 persoas abandonasen voluntariamente o seu posto de traballo “nos tempos que corren, cando a oferta de emprego no sector téxtil non está precisamente pasando polos seus mellores momentos en Ourense”.
A maior empresa téxil da provincia
Por todo isto, na CIG desconfían que detrás destes “asombrosos datos” se agocha, por unha parte, un ERE encuberto, xa que o Estatuto dos Traballadores/as establece a barreira do 10% do cadro de persoal para definir un despido colectivo; e pola outra, un intento da empresa de renovar o cadro de persoal a base de desfacerse de traballadores/as fixos/as e contratar a outros colectivos que aporten beneficios fiscais, subvencións da Administración ou bonificacións nas cotas da Seguridade Social.
“Denunciamos esta destrución de emprego fixo e a súa substitución por emprego máis precario; dóenos especialmente que sexa unha empresa ourensá, a primeira da provincia e das maiores de Galiza na industria téxtil, a que execute esta política”.
Finalmente, queren constatar novamente “o enorme contraste que existe entre o glamour de certas prendas de grandes e coñecidas marcas coa realidade que hai detrás das etiquetas, dos procesos industriais e das persoas que fan posíbel que eses modelos luzan nos escaparates”.