A CIG acusa a Cortizo de incrementar os beneficios a custo de explotar os/as traballadores/as
A CIG-Industria de Compostela desmente as informacións emitidas pola empresa Cortizo, de Padrón. Nos últimos días o grupo vén informando do seu medre de beneficios e do incremento das contratacións. Porén, Benedicto Blanco, secretario comarcal desta federación asegura que ese medre “é´a conta de manter ao seu persoal nunhas condicións laborais precarias”.
Blanco asegura que esta información pode ser facilmente contrastada xa que desde mediados de decembro a principios de xaneiro aqueles traballadores que non quixeron facer horas extras foron despedidos porque “todo aquel traballador/a que se nega a aumentar a súa xornada segundo o estipulado no contrato recibe a carta de despedimento”.
O secretario comarcal engade que “efectivamente a empresa paga a súa indemnización pero ten que recoñecer a improcedencia do despedimento”. Por iso a CIG-Industria denuncia que todos os beneficios que este grupo gaña pero mantendo os traballadores/as atemorizados/as porque “se non fas aquilo ao que che obrigan acabas na rúa”.
Hai varias seccións nas que, a conta das notas de prensa publicadas pola CIG, a xerencia foi introducindo tímidos cambios, como ter un calendario anual que nunca existira, a pesar de non ter a central sindical representación no comité de empresa. “Tendo a CIG presenza no comité de empresa nunca permitiriamos que noutras seccións haxa até catro quendas, senón tres garantindo as libranzas que estipula o convenio”, di o secretario comarcal da CIG-Industria. Denuncia ademais que ao obrigar aos traballadores/as a estar a catro quendas impide calquera tipo de conciliación laboral e familiar e que mesmo poida coincidir coa súa familia un fin de semana completo.
Calendario laboral
Neste sentido lembra que a empresa ten a obriga de elaborar un calendario laboral onde conste a distribución semanal e diaria da xornada, o horario de traballo para cada quenda, os descansos semanais e as vacacións e sempre axustándose ás 1.760 horas/ano. “A partir de aí, se logo a empresa quere facer unha distribución irregular da xornada pode facelo sempre que respecte as condicións que exixe o convenio.”
Desta situación de explotación é coñecedor o comité de empresa que, porén, “non fai nada por evitala”, afirma Blanco quen denuncia que estamos diante dun/has representantes dos/as traballadores/as que “están máis o servizo da empresa que de quen os elixiu”.