CCOO e UGT préganse á dirección de Vitrasa cun acordo pésimo negociado ás agachadas
A sección sindical da CIG en Vitrasa rexeita o preacordo acadado por CCOO e UGT coa dirección, negociado de xeito escurantista e de costas ao comité, porque non satisfai ningún dos puntos reivindicativos acordados na asemblea de traballadores/as do pasado 29 de setembro. Denuncian que se retiraron as medidas de presión en forma de paros a cambio dun cheque en branco á empresa que non resolve os problemas do colectivo de condutores/as.
Desde a central nacionalista acusan a CCOO e UGT de actuar en connivencia coa dirección e de costas aos intereses dos traballadores/as de Vitrasa ao negociaren “pola porta de atrás” un preacordo que rebaixa notabelmente as reivindicacións iniciais e que prolongará no tempo as eivas no servizo.
Neste sentido, critican que se desaproveitase unha oportunidade histórica para avanzar en dereitos e solucionar demandas históricas desde a unidade de acción, rachada de forma unilateral por ambas centrais con métodos que atentan contra a liberdade sindical e o dereito dos traballadores/as a obteren unha información o máis completa posíbel antes tomar decisións.
Atropelo democrático á asemblea
Como exemplo, sinalan a vulneración do acordado pola asemblea de traballadores/as do pasado 29 de setembro, na que se aprobou unha listaxe de demandas e unha axenda mobilizadora que contemplaba paros no servizo de transporte urbano no caso de non chegar a acordo coa empresa. En contraste, CCOO e UGT desmarcáronse das reivindicacións comúns desde a primeira xuntanza coa empresa, rebaixando a plataforma e formulando unha oferta propia na segunda reunión, continuando despois con negociacións paralelas e de costas ao organismo de representación legal do persoal.
Para rematar, difundiron un preacordo “ridículo” que nalgúns dos puntos non pasa da declaración de intencións e noutros “vende fume” ao enmascarar o resultado de procesos legais xa solventados. O máis sangrante, segundo a CIG, é que ambas centrais non se sometesen a unha nova asemblea, permitindo expresar as diferentes posturas, se non que forzasen en complicidade coa empresa unha votación en urna co obxectivo de diminuír o peso do colectivo de condutores/as, principais afectados/as no conflito
Indican que, neste sentido, houbo un chamado á participación de persoal de áreas como oficinas, inspección ou persoal da dirección, non implicados nas reivindicacións, logrando un resultado favorábel ao acordo por 55 votos de diferenza. “Se non fose por isto, o resultado estaría moito máis igualado”, salientan desde a central nacionalista.
Un acordo “vergoñento”
A continuación, debullan un por un os diferentes puntos de negociación e comparan co resultado do preacordo de CCOO e UGT:
Horas extra (mantense a fenda salarial)
Actualmente abónanse a diferente prezo aos traballadores/as segundo a súa antigüidade na empresa.
Solicitude do comité - Pór un prezo único que favorecese a todo o persoal xa que abonándoas a diferente prezo a empresa ía cargar de horas ao persoal eventual, o máis desprotexido, xa que a súa situación precaria na empresa non lle permite negarse a calquera petición que formule Vitrasa.
Acordo de CCOO, UGT e empresa – Abonalas no prezo actual, mantendo as fenda salarial entre o persoal.
Eventualidade (sen solucionar, negociado a medida da empresa)
Vitrasa utiliza a eventualidade para esquivar a contratación indefinida e evitar o pago do complemento de antigüidade a este persoal, o comité de empresa denunciou a situación en Inspección de Traballo.
Solicitude do comité- Creación dunha listaxe por antigüidade que fora incorporando á empresa este persoal eventual respectando a súa orde de entrada inicial.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Incorporación inmediata do persoal eventual en fraude de lei (9 traballadores) e dun compañeiro eventual desde 2012 ao que Vitrasa non volveu renovar o contrato o pasado mes de xullo. Incorporarase ao restante persoal eventual por antigüidade sempre que as valoracións internas da empresa sobre o traballador sexan favorables, a igualdade de valoracións incorporación por antigüidade. (valoracións baseadas unicamente en criterios que establece a empresa unilateralmente e facilmente amañables).
Curiosamente, Vitrasa realizou a conversión dos contratos en fraude de lei antes de chegar a aceptar o acordo, posiblemente en base á obriga de Inspección de Traballo.
Réxime de traballo (sen solucionar, negociado a medida da empresa)
O persoal de condución de Vitrasa reclama un réxime de traballo onde se contemplen unha serie de descansos, unha redución das xornadas e unha adecuación das velocidades de traballo.
Solicitude do comité- Renovación de liñas contemplando a nova realidade de Vigo, con incremento de semáforos, paradas, tránsito, etc.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Estudo das actuais velocidades de traballo e “en caso de entendelo necesario” realizar unha nova distribución do tempo de percorrido nas liñas baseado na velocidade media realizada actualmente.
Recadación (sen solucionar)
A empresa solicita que unha tarefa que está dentro do traballo dos condutores/as, como é entregar a recadación, se realice unha vez rematada a condución para evitar pagar ese tempo. Ademais, en moitas ocasións as maquinas de cálculo fallan, contando menos diñeiro do ingresado.
Solicitude do comité- Dar maior tempo de traballo efectivo para a realización do cálculo e revisións periódicas das maquinas.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Cursos (sen solucionar)
Ao colectivo de condutores descóntaselle mensualmente de nómina unha cantidade para formación. No entanto, o crédito en formación destínase a cursos para outros departamentos.
Solicitude do comité- realizar un plan de formación que contemple cursos que o colectivo de condutores entenda necesarios para complementar a formación. (idiomas, condución, computador).
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente
Uniformes (sen solucionar)
Desde hai meses as entregas de uniforme realízanse fóra de tempo e con faltas na entrega.
Solicitude do comité- Liquidar inmediatamente estas carencias.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Descoñecida.
Plan de igualdade (sen solucionar – negociado un punto)
Caducado desde 2014 e con varios puntos aínda por negociar.
Solicitude do comité- Retomar as negociacións con compromiso de finalización.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Ampliar a medida de goce de vacacións dos pais e nais con fillos/as en idade escolar até os 12 anos.
Cámaras de videovixiancia (sen solucionar)
Utilizadas en varias ocasións para controlar o persoal, chegando mesmo a utilizar as gravacións como proba no despedimento dun traballador.
Solicitude do comité- Compromiso firme de única utilización para a seguridade de condutores/as e usuarios/as.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Subrogación (sen solucionar)
Ante a inquietude do persoal pola finalización da actual concesión e unha posible entrada doutra empresa diferente a Vitrasa na nova concesión.
Solicitude do comité- Redacción dun artigo que contemple unha posible subrogación por unha empresa diferente e que respecte as condicións actuais do persoal.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Inexistente.
Baños (sen solucionar, reiteración de xestións xa realizadas)
O persoal de condución solicita baños en diversos puntos da rede de transporte urbano. Desde o comité de empresa solicitouse unha reunión co Concello onde se expuxo o problema. Desde o concello aceptaron solicitar a Vitrasa a colocación dunha serie de baños como medida temporal, incluíndo no prego de condicións para a próxima concesión a solución definitiva a este problema.
Solicitude do comité- Colocación dos baños solicitados ante o Concello.
Acordo de CCOO, UGT e empresa - Traspaso por parte da empresa da solicitude do comité ao Concello para que sexa este quen coloque os baños.