A CIG acusa a CCOO e UGT de avalar os cambios de horario impostos por Inditex coa escusa da pandemia
A federación de Servizos da CIG acusa a CCOO e UGT de avalar os cambios de horario laboral impostos por Inditex coa escusa da pandemia mediante a formalización dun novo acordo a nivel estatal que chegou xusto antes de que se retomasen os xuízos polos conflitos colectivos presentados pola central nacionalista contra a decisión da empresa. Dende a CIG-Servizos denuncian que detrás destas modificacións agóchase unha estratexia da compañía téxtil para aforrar en contratacións temporais.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explica que no primeiro xuízo polo conflito colectivo presentado pola central contra os cambios de horario en Stradivarius (celebrado o pasado 5 de novembro) o xuíz entendeu que a CIG tiña vontade de seguir negociando con Inditex, polo que suspendeu a sentenza mentres se celebrasen encontros entre as partes e obrigou a empresa a sentarse. A central solicitou unha xuntanza coa dirección, que tivo lugar o pasado martes 17 e que rematou sen acordo pola nula vontade de Inditex a negociar.
“Agora sabemos por que non queren pactar nada: xusto onte, cando se retomaban os xuízos polos conflitos colectivos de Pull&Bear, Oysho e Zara España (que finalmente foi adiado), a empresa asinou un acordo con CCOO e UGT a nivel estatal que non soluciona nada e que valida os cambios”, explica.
Neste senso, sinala que a imposición de horarios estancos -sempre teñen que coincidir as mesas persoas e deberán traballar tres días de mañá e tres de tarde, unha semana de mañá ou unha de tarde ou en quendas fixas de mañá ou de tarde - non responde a ningún criterio preventivo, senón que se fai porque se traduce nun grande aforro en contratación temporal, sobre todo nas tendas grandes, xa que a medida só se aplicará nos establecementos de máis de 12 traballadoras/es. “Semella que nas tendas pequenas non entra o coronavirus”, ironiza.
De feito, noutras zonas do Estado, como Euskal Herria, a transnacional non aplicou estas supostas medidas de prevención. “Debe de ser que as vascas/os que traballan en Inditex son inmunes á covid”. Ao mesmo tempo, critica que o acordo recolle solucións tan “curiosas e beneficiosas” para as traballadoras/es como recomendar diminuír a débeda de horas acumuladas co traballo en domingos ou cos días de asuntos propios, ou eliminar os descansos dentro da xornada para entrar máis tarde ou saír antes.
Desactivar os acordos da CIG
Fernández denuncia que Inditex continúa coa súa política de favorecer a CCOO e UGT para deixar sen efecto os acordos laborais logrados pola CIG, “que son os mellores a nivel estatal”. De feito, xa no mes de xuño os sindicatos españois pactaron coa empresa un acordo anterior no mesmo sentido que lle permitiu defenderse ante a denuncias presentadas pola CIG na Inspección e nos Xulgados.
“Agora vén de suceder o mesmo, xa que xusto o día no que se retomaban os xuízos polos conflitos colectivos presentados pola CIG, Inditex e os seus sindicatos, de maneira orquestrada, anuncian un novo acordo que maquilla algunhas cuestións pero que non soluciona o problema de fondo,q ue é a imposición duns horarios saltándose todos os acordos anteriores e vulnerando o dereito de conciliación laboral e familiar”.
De feito, a UGT, que criticara a CIG por aprazar os xuízos para intentar negociar, “cando chegou a hora da verdade suspendeu os poucos que tiña presentados (CCOO nin sequera fixo o amago de presentalos)”.
Lembra que a CIG leva desde o inicio “deste abuso” presentando propostas ás que Inditex “non fixo nin caso alegando sempre que xa tiña un acordo con UGT e CCOO que lle permitía facer os cambios”. De feito, chegaron a citalo expresamente nas comunicacións ás traballadoras/as dalgunhas cadeas: “Está claro quen lexitima as arbitrariedades e abusos da empresa e quen os intenta combater. Agora aparécennos con este repentino acordo, acadado xusto a tempo para poder alegalo nos xuízos que a CIG tiña onte”.
Finalmente, cualifica de “despropósito” unha situación que está a producirlle uns “prexuízos” ao persoal “que Inditex se nega a compensar”, polo que anuncia que a CIG seguirá coa súa loita “mentres outros sindicatos irán asinando os acordos que lles poña diante a empresa nun intento de parar ou atrasar as nosas iniciativas”.