A CIG acudirá á mesa do convenio de Consultorías para que se aclaren as dúbidas sobre a ultraactividade
O pasado día 20 de xuño a CIG xa informou aos seus delegados e delegadas das TIC, sobre as dúbidas que tiña sobre a ultraactividade (seguir aplicando automáticamente un certo convenio aínda que tivera pasado o tempo previsto de aplicación do mesmo) do convenio de Consultorías debido a unha incorrecta redacción do artigo 5 do XVII do Convenio colectivo estatal de empresas de consultoría e estudos de mercado e da opinión pública. O texto non define correctamente a situación na que este quedaría a partir do día 31 de decembro de 2019: o convenio estará "prorrogado" ou estará "ultraactivo", o que provoca inseguridade xurídica sobre se poderá seguir sendo aplicábel pasado un ano desde a súa denuncia.
As dúbidas da CIG veñen de confirmarse ao estar chamada para este venres, día 13 de xullo, como sindicato membro da mesa negociadora dos convenios de consultorías, a unha reunión desta mesa sobre propostas de modificación deste artigo 5, porque a Comisión Mixta Paritaria do Convenio Colectivo, despois de consultas sobre este tema, determinou que "co obxecto de evitar interpretacións erróneas, as partes (sindicatos e patronais) acordan convocar a comisión negociadora ao obxecto de concretar un redactado que non dea lugar a dúbidas". Previamente algún sindicato emitiu comunicados nos que indicaba que a ultraactividade se mantiña "sí ou sí" a pesar da evidente discrepancia existente ao respecto coa redacción actual.
A CIG efectivamente acudirá a esta xutanza da mesa negociadora na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras afectados polo convenio de consultorías estatal, pero indicará que os asinantes do convenio non quixeron ou non souberon recoller no texto as dúas situacións legais que poden afectar o convenio a partir da data de caducidade do mesmo. “Querer arranxar esta inseguridade é recoñecer implicitamente que a redacción actual non é todo o axeitada que debería ter sido, sobre todo falando dun convenio que afecta a máis de 400.000 traballadores e traballadoras no conxunto do estado español. Emitir comunicados, previos a esta xuntanza, nos que se indica que a ultraactividade mantense "sí ou sí" e posteriormente convocar para "ñapear" este desaguisado xa é directamente mentir”.