A CIG acude ao Xulgado para que o persoal funcionario da Xunta en Ourense teña mesas para votar nas eleccións sindicais
O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense decidiu finalmente presentar unha demanda no Xulgado contra a Xunta e os sindicatos CSIF, CCOO e UGT “ante a fraude argallada” ao non establecerse mesas fixas e itinerantes que permitan o voto en igualdade de condicións nas eleccións sindicais do persoal funcionario da provincia.
Con esta denuncia, a central reclama ante a xustiza que se garanta o dereito de participación do persoal nas eleccións sindicais, posibilitando o voto nos centros de traballo para evitar traslados de máis de 100 quilómetros de distancia, co risco e o prexuízo que iso supón para os funcionarios/as.
“Imos ao Xulgado logo da resolución negativa do laudo arbitral da semana pasada no que confirmaron que unicamente vai a haber mesas na cidade de Ourense porque así foi demandado pola maioría sindical”, explican.
Lembran que tanto a CSIF como CCOO e UGT argumentaron cuestións diversas como que o persoal vive en Ourense aínda que traballe noutras localidades, que o centro indicado é unicamente de referencia pero que traballan en Ourense, “ou mesmo que as mesas non son necesarias e que incluso lle facían un favor á xente porque así viña dar un paseo”.