A CIG acompaña os mariñeiros do cerco no levantamento simbólico das tendas tras máis de 3 meses de acampada diante da Xunta
“Queda a loita por modificar o reparto de cotas e queda por conseguir cota de anchoa, porque é acientífico e inmoral que pase a anchoa polas nosas costas e que só teñamos o 1% da cota. Máis cando fomos enganados, mentíronos cando nos falaron do reparto”, explicou Xavier Aboi, representante do sector do Mar da FGAMT-CIG na propia acampada. Unha situación da que responsabilizou á propia Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, pola súa actitude submisa diante de Madrid e diante de Bruxelas.
Aboi lembrou que este é un conflito que vén de lonxe e subliñou que o do cerco foi o único sector que se autorregulou historicamente, alá pola década dos 80 en días e nas capturas. Por iso lamentou que se fale nos medios de comunicación de preservar especies do mar cando “nunca a flota galega puido ser acusada de extinguir ningún tipo de peixes, nunca esquilmamos nada”, mentres que outros países que dan leccións ecolóxicas, do Norte de Europa, que si que esquilmaron no Mar Báltico e no Mar do Norte” teñan máis cota cando “quen está en serio perigo de extinción é o sector pesqueiro galego”.
A loita pasa ás mulleres
O sector do cerco levantaba a súa acampada para os mariñeiros regresar ao mar. O relevo na loita pasa agora ás mulleres do sector e a este respecto, Lucía Olveira, que actuou como portavoz, aseguraba que “seremos nós, as mulleres, as que culminaremos cunha vitoria a batalla que comezastes vós”.
Unha batalla na que lembrou que o que defenden é “un reparto xusto e equitativo para todos” e para a que chamou a actuar con “contundencia e firmeza”. Denunciou tamén a “nefasta xestión política” e lembrou os longos meses de loita e sufrimento. “O que queremos é traballar no mar ser todos iguais, vivir do mar e coidalo”.
Con esta acampada o sector tiña un obxectivo claro, conseguir “xustiza”, fronte “un goberno que elabora leis para beneficiar a unha minoría fronte unha maioría, fronte a aqueles que máis teñen sen merecelo”.
Olveira chamou ademais a non renderse porque “se nos rendemos e nos dobregamos ante as políticas coas que queren asoballarnos desaparecemos como o vento”.
Xabier Aboi acusa ao PP de “traizoar” o cerco galego e ao sector pesqueiro no seu conxunto