
A CIG acada por primeira vez a maioría absoluta nas eleccións en Industrias Losán de Curtis

A CIG vén de facer historia en Industrias Losán SA, fábrica de taboleiro situada en Curtis, ao acadar a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este 1 de xullo. A central nacionalista consegue pasar de 1 a 3 representantes, dos 5 delegados e delegadas en liza.
Estes resultados, explica a FCM-CIG da Coruña, supoñen un xiro radical na representación sindical da empresa, “que levaba máis dunha década sen contar cun comité plenamente operativo, ao non acadarse acordos para formalizalo nos dous últimos procesos electorais”.
No colexio de persoal técnico, a CIG presentou candidatura por primeira vez e logrou 1 dos 2 representantes en xogo, empatando con UGT, que tamén obtivo 1. No colexio de persoal especialista, a CIG conseguiu 2 representantes, tras impoñerse por primeira vez en número de votos a CCOO na fábrica, “consolidando así o noso crecemento tanto en presenza como en confianza entre o conxunto do cadro de persoal”.
No cómputo global, as candidaturas da CIG conseguiron 31 votos, mentres que UGT e CCOO lograron 10 votos, respectivamente.
Aval á liña de traballo sindical
A FCM-CIG agradece a confianza depositada nas súas candidaturas e valora estes resultados como un aval claro á liña de traballo firme e útil realizada nos últimos anos, así como unha mostra de confianza na súa proposta sindical: participativa, transparente e centrada na defensa firme dos dereitos do persoal.
“Con esta nova maioría, por primeira vez en moito tempo, o persoal de Losán poderá contar os vindeiros catro anos cun comité funcional, activo e representativo, capaz de facer fronte aos desafíos presentes e futuros da empresa”, conclúe.