A CIG aborda coa Intersindical catalá e valenciana o papel dos sindicatos nacionalistas e de clase nos conflitos laborais docentes

A secretaria nacional, Laura Arroxo, expuxo a resistencia do Goberno galego a negociar, a ocultación mediática e a submisión dos principais sindicatos estatais
Nacional - 21 Xul 2026

O deterioro do ensino público e a desvalorización da profesión docente como orixe común do conflito e tres realidades diferentes en canto á actitude dos gobernos autonómicos, a unión sindical e a estratexia de loita. Estes foron os eixos sobre os que xirou un encontro celebrado entre representantes da CIG-Ensino, a Intersindical catalá e o STEPV, principal sindicato da Intersindical valenciana, para analizar as mobilizacións docentes que se viviron historicamente nestes tres territorios ao longo deste curso.

Desde 1988 non se produciu un curso académico tan conflitivo como o que acaba de rematar en Galiza, Catalunya e o País Valencià. Esta coincidencia temporal e o feito de que a CIG mantén unhas relacións estreitas tanto coa Intersindical catalá como coa valenciana propiciou un encontro online entre representantes sindicais dos tres territorios.

Nel abordáronse as principais problemáticas que deron orixe a estes conflitos que en moitos casos son comúns: aulas masificadas, falta de medios para atender a cada vez maior diversidade e ao alumnado vulnerábel, recortes de persoal docente e non docente, deficiencias estruturais dos edificios e o novo desafío da climatización das aulas, perda de dereitos e de poder adquisitivo e unha desvalorización da profesión docente auspiciada polas propias administracións autonómicas.

No encontro, no que participaron, entre outros, a secretaria nacional, Laura Arroxo, da CIG-Ensino; Marc Candela, coordinador de Acción Sindical do Sindicato de Traballadores de Ensino do País Valencià (STEPV), así como Víctor Vallejo e Marc Santasusana, delegados da Intersindical-CSC (Confederaciò Sindical Catalana), púxose de manifesto a necesidade de abordar desde unha perspectiva nacionalista e de clase os conflitos laborais docentes, así como de defensa dos servizos públicos, implicando a toda a sociedade na súa protección.

O goberno galego, o máis antidemocrático e refractario á negociación

Unha das principais conclusións ás que se chegou no encontro é que a Consellaría de Educación galega é a que actúa con máis soberbia e a que menos respecta a representación legal do persoal docente dos tres territorios.

Mentres que en Catalunya e no País Valenciá as negociacións foron no marco da Mesa Sectorial aquí, de poder cualificalas como tal, producíronse á marxe desta empregando a Comisión de seguimento do mal chamado Acordo de Melloras do ano 2023. Esta diferenza contrasta co feito de que en Catalunya se reabriran as negociacións, malia que o goberno en minoría do PSC xa pechara un acordo salarial con CCOO e UGT, despois das folgas de fin de curso e mellorara a súa proposta inicial que foi rexeitada nun referendo levado a cabo por tres sindicatos.

No País Valencià, cun goberno en minoría neste caso do PP tras a dimisión do expresidente Carlos Mazón e do cambio á fronte da Consellaría, despois do primeiro día de folga xa comezaron as negociacións e durante a indefinida algún día duraron máis de 10 horas, mantendo reunións en domingo, retransmitíndose en directo e continuando  durante o verán.

Para a secretaria nacional da CIG-Ensino esta diferenza de actitude dos gobernos autonómicos é chave á hora de conseguir avances. Despois de que Marc Candela explicara como a última proposta da Consellaría valenciana incluía varios puntos que o profesorado puido votar un por un e que algúns implicaban melloras a respecto incluso do que inclúe o Proxecto de Lei de Ministerio sobre ratios, Arroxo expuxo que a proposta da Consellaría galega en tema de ratios e horarios para secundaria é totalmente insuficiente e foi rexeitada polo 90% do profesorado nunha enquisa lanzada a finais de curso polo sindicato.

“Lamentabelmente é tan pobre o que nos presenta a Xunta que nin sequera se pode tomar como unha mellora real. Ademais, nestes momentos xa estamos vendo que non se está producindo o incremento de cupo xeralizado que tiña que vir asociado á rebaixa ás 18 horas nos centros de secundaria, polo que se confirma que era un acordo insuficiente, que nin sequera se vai cumprir e que vai contribuír a dividir aínda máis ao profesorado entre colectivos, que é o fin que persegue a Xunta”.

A unión sindical como punto de partida en todos os territorios agás en Galiza

Outro elemento que marcou unha notábel diferenza nos tres conflitos foi a unión sindical, un aspecto que todas as persoas asistentes recoñecen que o profesorado valora como moi importante pero que en Galiza xa se rachou antes da sinatura do Acordo de 2023.

Tal e como indicou Laura Arroxo, “desde entón a actitude dos sindicatos estatais con representación na Mesa sectorial galega (CCOO, ANPE e UGT) foi de entrega total ás políticas da Consellaría colaborando na campaña electoral de Alfonso Rueda como candidato á Xunta e chegando a boicotear a última folga de abril ao aparecer nunha rolda de prensa co conselleiro dous días antes cun anuncio sobre ratios e horarios sen presentar ningún documento concreto”, comentou.

Porén, en Catalunya todos os sindicatos comezaron as mobilizacións de forma unitaria e CCOO e UGT, minoritarios, acabaron asinando co goberno do PSC o acordo salarial, cunha forte oposición do profesorado que intensificou as mobilizacións a partir dese momento forzando ao goberno a mellorar esa proposta inicial.

No País Valencià todos os sindicatos convocaron a primeira folga, agás Anpe que, sen embargo, si que se sumou, sen chegar a convocala, á folga indefinida. A unidade quedou rachada cando Anpe e CSIF, tamén minoritarios, asinaron o acordo salarial pero o resto de sindicatos mantiveron a presión e a folga indefinida. A día de hoxe esta está suspendida e continúan as negociacións. En ambos os dous casos as conselleiras de Educación implicáronse directamente nas mesmas.

En Galiza, pola contra, Román Rodríguez non compareceu nunca na Mesa Sectorial en todos os anos nos que leva no cargo e só aparece nas fotos propagandísticas dos acordos, ademais de empregar os altofalantes mediáticos para cargar contra a CIG e desprezar a súa condición de sindicato maioritario ou cualificar a folga de “política”.

Neste sentido, Laura Arroxo destacou que “o PP galego só respecta a súa maioría pero cando se trata da que lle outorga o profesorado galego á CIG desprézaa” e   lamentou a diferenza na atención mediática que recibiron os tres conflitos, tanto en cada país como a nivel estatal. “En calquera caso, as mobilizacións galegas foron porcentualmente igual de secundadas que nos outros territorios e o profesorado galego ten que estar moi orgulloso da loita deste curso dado que reunir a 5.000 docentes en Compostela dun total de 30.000 coa dispersión xeográfica que temos ten moito mérito”, comentou.

O cadro de docentes do sector público é moito máis numerosa nos outros territorios, con até 78.000 no País Valencià e 90.000 en Catalunya. Todas as representantes sindicais coincidiron en que a defensa da dignidade docente foi un elemento central que mobilizou ao profesorado e que actuou de punto de unión.

A mesma loita, diferentes estratexias

O encontro foi moi satisfactorio para todas as partes porque se puideron compartir experiencias e analizar erros e acertos de cara a como encarar o próximo curso. Con respecto á folga indefinida coincidiron en que se trata dunha medida totalmente excepcional que hai que traballar con antelación (no País Valencià comezouse a definir en outubro co horizonte do mes de maio).

A este respecto Marc Candela, membro do equipo negociador do STEPV, relatou todo o traballo realizado durante o curso, marcado tamén pola traxedia da Dina, e recoñeceu que durante o mes que durou a folga indefinida “houbo días de subidón e outros de baixón, con moita tensión nas negociacións”. Os representantes da Intereducació amósanse satisfeitos porque o profesorado catalán levaba moitos anos sen mobilizarse e este curso fíxoo con moita intensidade.

Neste sentido, o profesorado galego é o que xa viña sostendo máis mobilizacións nos últimos anos, sobre todo desde o Acordo do 23. Nos tres países valorouse como positiva a aparición de movementos asemblearios que propiciaron unha maior implicación e participación do profesorado nas mobilizacións, así como a visibilización de cara á comunidade educativa das problemáticas de cada centro.

Por último, os asistentes coinciden en que a defensa das linguas propias tamén é unha causa común e que esta cuestión excede o ámbito estritamente educativo e laboral. No País Valencià a comunidade educativa votou a favor do valenciano en 2023 dándolle a volta á consulta orquestrada polo goberno de PP e Vox, e nestes intres o partido ultradereitista mantén a cuestión da lingua bloqueada.

En Catalunya a cuestión da lingua está presente na táboa reivindicativa das mobilizacións coa creación dunha coordinadora pola lingua, mentres en Galiza a CIG-Ensino articula a resposta á política lingüística da Xunta a través da súa participación activa na Plataforma Queremos Galego e que despois da presentación do Plan pola Lingua se verá intensificada nos próximos meses cunha Iniciativa Lexislativa Popular para intentar reverter a emerxencia lingüística.