A CIG exixe o abono dos salarios ás traballadoras do SAF de Monterroso e que se recupere a xestión directa
A CIG de Lugo-A Mariña exíxelle a Troncoso Servizos Sociosanitarios (que presta o Servizo de Axuda no Fogar de Monterroso) que de inmediato proceda a abonarlle a todas as traballadoras as nóminas do mes de xaneiro. A empresa comunicoulle ao persoal que non ía pagar os salarios deste mes porque ten un problema de liquidez, xa que o Concello non lle ingresou as facturas correspondentes ao último trimestre de 2023.
O secretario de Organización da CIG de Lugo, Lois Neto, lémbralle á empresa que, dende o momento que asumiu a prestación deste servizo público, é a súa responsabilidade garantir o pago dos soldos ás traballadoras. Ao tempo, a central insta ao Concello de Monterroso a cumprir coas súas obrigas coa concesionaria en tempo e forma para que esta non poida utilizar os atrasos nas facturas como escusa para non pagar as nóminas.
Esta situación enormemente prexuizosa para as traballadoras do SAF (que non se dá co resto de persoal que presta servizos para esta administración local) prodúcese pola privatización deste servizo público. Por iso, a CIG reclámalle ao Concello que remunicipalice a axuda a domicilio, tendo en conta que no mes de xuño se cumpren os tres anos de concesión estipulados nos pregos.
Cómpre lembrar que o Servizo de Axuda no Fogar xa se prestaba de maneira directa polo Concello de Monterroso até o ano 2021, cando o Goberno municipal decidiu privatizalo alegando problemas de xestión. Mais dende entón, a calidade na xestión do servizo non mellorou, senón que as queixas polo seu funcionamento son habituais tanto por parte das traballadoras como das persoas usuarias.
A CIG defende que os servizos de atención ás persoas non poden estar xestionados nunha lóxica comercial de beneficio empresarial e por iso continuará reclamando a prestación directa da atención no fogar por parte do Concello, como garantía dunhas condicións laborais dignas para as traballadoras e dunha atención digna para as usuarias e usuarios.