A CIG abandona a mesa de Thenaisie tras constatar a intención dos propietarios de liquidar a empresa
A FGAMT-CIG abandonou hoxe a mesa de negociación da conserveira Thenaisie Provoté, con centros de traballo no Grove e Mos, tras constatar que a única intención de Scandia Food, o grupo romanés propietario, é liquidar a empresa. Na central consideran que o concurso de acredores foi deseñado precisamente con esa intención, “co silencio cómplice de CCOO”.
Así o explicou a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, tras a xuntanza celebrada na sede do Igape en Santiago, onde un grupo de traballadoras/es aproveitou para desenvolver unha concentración. “A reunión foi un paripé, e convocárona porque había un compromiso”, sostén.
Lembra que a loita da CIG ten como obxectivo manter a actividade da empresa e todos os postos de traballo, “pero a pretensión do grupo propietario é liquidala, e nós nese escenario non imos estar”. Abuín asegura que na xuntanza de hoxe evidenciouse que non existe vontade de chegar a un acordo para vender a empresa, até o punto de que o director do Igape preguntou pola posibilidade de que o inversor galego interesado na adquisición puidese coñecer o seu estado real “e o representante do grupo romanés contestoulle que non”.
Plan de viabilidade
A isto hai que sumar os contratos e as cláusulas “inasumíbeis”, como por exemplo que o inversor ten que facerse cargo do concurso de acredores o caso de que sexa declarado culpábel. Ou que ten que vender o stock existente nas instalacións da compañía ao prezo fixado por Scandia, “que se reserva ademais o dereito de adquirir produto por valor de 50.000 euros pero cunha rebaixo do 50% con respecto a ese prezo fixado por eles mesmos”. A responsábel sindical entende que este requisito “é unha chantaxe pura e dura”.
Ao mesmo tempo, lamentou o interese do representante de Scandia -que interveu por videoconferencia- en criticar o plan de viabilidade da empresa presentado polo inversor galego, cando se trata dun plan que foi avalado por Anfaco, a patronal do sector. “Esquecen que foi a súa xestión a que levou a empresa a esta situación; o empresario galego interesado na compra é parte da solución, non parte do problema”.
Finalmente, denunciou que quedou claro que o propio concurso de acredores foi deseñado para levar a empresa á liquidación, “co silencio cómplice de CCOO”.