A CIG e a clientela de Abanca mobilízanse no Salnés contra o peche de oficinas
A sección sindical da CIG en Abanca continuou hoxe no Salnés a súa compaña de mobilizacións para rexeitar o peche de oficinas e a restrición de servizos á clientela por parte da entidade financeira. Delegados/as sindicais, traballadores/as e numerosos/as veciños/as participaron nas concentracións que se levaron a cabo diante das sucursais de Carril e de Vilaxoán.
Dende a CIG-Abanca denuncian que o banco vén de anunciar o peche das oficinas de Carril e de Vilaxoán, trasladando a clientela ás sucursais da Praza de Galicia e da rúa Doutor Tourón de Vilagarcía, respectivamente.
“Se temos en conta que todas as oficinas deixarán de atender ao público ás 11:00 horas a partir de xuño, concentrar a clientela de Carril e Vilaxoán nestas oficinas de Vilagarcía das 8:00 ás 11:00 horas é dar menos e peor servizo”.
Ao mesmo tempo, sosteñen que restrinxir os horarios de caixa, máis en plena pandemia, é antisocial: “os peches de oficinas provocan colas, hai máis aglomeracións nas portas dos bancos que na hostalaría, pero diso non se fala”. Ademais, hai persoas, nomeadamente as maiores, que teñen complicado utilizar os caixeiros ou a banca por internet, “polo que non atendelas de xeito presencial é marxinalas”.
Finalmente, dende a central sindical censuran que pechen oficinas, restrinxan horarios de caixa e provoquen colas “co obxectivo de forzar as persoas a que opten pola banca online e así poder despedir a máis traballadores/as”.