A CIG Abanca denuncia que a Xunta vai subvencionar novos peches de oficinas no rural
Segundo puido saber a sección sindical da CIG de Abanca, aínda que non hai nada oficial confirmado, a entidade resultou adxudicataria das subvencións da Xunta para a instalación e mantemento de caixeiros automáticos no rural. Subvencións que se conceden coincidindo co momento no que a Dirección acaba de comunicar 9 novos peches de oficinas para setembro: San Valentín, Zas, A Baña e Baiñas (A Coruña); Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra); San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).
A sección sindical da CIG de Abanca recoñece que hai oficinas en concellos “baleirados” pero asegura que “outras son viables e dan beneficios”. Denuncia, en todo caso, que os peches “teñen un impacto social, pero tamén laboral”, e que “están destruíndo postos de traballo e teñen un claro impacto en materia de igualdade”.
A CIG lembra que os actuais peches de oficinas son o froito dos procesos de concentración no sistema bancario, mais tamén a consecuencia da privatización das caixas de aforros. Neste sentido denuncia que “hai claras responsabilidades políticas, nomeadamente da propia Xunta de Galicia e dos distintos Gobernos Centrais”.
Concellos sen servizos bancarios
Subliña que nos concellos onde subvencionarán os caixeiros e os axentes financeiros, había oficinas das caixas que foron pechadas, é dicir, “Abanca ten alí a carteira de clientes”. Por iso considera que “estaba claro que banco tiña máis interese nesas subvencións”.
Advirte que ese tipo de subvencións teñen un efecto chamada, que “están transferindo diñeiro público a unha entidade e con beneficios multimillonarios, que non necesita axudas, incentivando deixar sen servizos á poboación e a destrución de postos de traballo”.
Diante deste panorama a CIG Abanca adianta que “aínda que sexa en solitario, mobilizámonos contra os peches e contra as subvencións inxustas da Xunta de Galicia e daremos a batalla para seguir defendendo todos e cada un dos postos de traballo”.