A CIG Abanca anuncia o seu apoio á manifestación convocada na Coruña contra os peches de oficinas
O 1 de marzo, en Celeiro, a CIG Abanca iniciaba un proceso de mobilizacións contra os peches de oficinas e as restricións dos servizos, unha advertencia ante o impacto que terían eses peches para gran parte da poboación. Un conflito que foi collendo maior dimensión social ao longo do tempo conforme os peches afectaron a cada vez máis territorios.
A CIG estará presente na manifestación prevista para o vindeiro 2 de setembro na central de Abanca na Coruña contra os peches de oficinas que foi convocada polos Concellos de Zas, Vimianzo, a Baña, Fene e Cerdido.
Como estivo o pasado venres 27 no Concello de Campo Lameiro (a Sección Sindical da CIG desconvou a mobilización anunciada para o 24, coa fin de dar unha resposta conxunta sumándose á convocada por todos os Grupos Municipais).
Anunciou tamén que estará o vindeiro 3 de setembro na concentración convocada polo Concello de Poio contra o peche da oficina de Abanca en Campelo.
Se ben agora os Concellos de toda cor política asumen a defensa dos servizos financeiros e a CIG decidiu sumarse ás mobilizacións, iso non pode ser entendido coma un aval do sindicato ás posicións mantidas nos casos do PP e PSOE ao longo do proceso de reestruturación do sector financeiro.
É moi doado tentar lavar a cada diante da veciñanza, que até o de agora viña respondendo e participando nas mobilizacións convocadas pola CIG-Abanca, sen asumir responsabilidades e sen cambiar as políticas na Xunta de Galicia e Madrid relativas á reestruturación do sistema financeiro.
Lembra que “cando se privatizaron as demonizadas Caixas de Aforros, por acordo entre o PP e o PSOE, a CIG advertiu que estas daban servizos en territorios e a grandes capas da poboación marxinadas pola banca privada. As Caixas estaban en barrios e pobos onde a banca privada non estaba. Hoxe aquela advertencia é unha realidade”. Cunha banca que busca rendibilidades para os accionistas superiores ao 10% anual, co apoio público do BCE, a marxinación financeira esténdese coma unha mancha de aceite.
Concellos do rural e barrios da periferia das cidades están hoxe no punto de mira, “pero o proceso rematará por afectar as oficinas das vilas e grandes zonas urbanas si non damos reposta” din dende a CIG Abanca, e “isto provoca marxinación daquelas persoas non nativas dixitais, e nas persoas que non son quen de usar un caixeiro automático”. O proceso de dixitalización en marcha consiste en inxentes subvencións públicas para as empresas, que pagaremos entre todos, e na marxinación da poboación no aceso aos servizos.
Lembra que “alcaldes e concelleiros do PP protestan contra Abanca por deixar aos seus veciños sen servizos, pero foi o Feijoo quen lles regalou as Caixas de Aforros galegas ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet; incluindo de paso Pescanova ou o Deportivo. E este mesmo ano regaloulle a xestión dos Fondos europeos Next Generation, unha Universidade Privada e subvencións para implantar caixeiros onde pecha oficinas”.
Nese senso “declarar persoa non grata ao dono de Abanca, Juan Carlos Escotet, é a reacción normal de quen se queda sen servizo, pero tamén deberían declarar persoa non grata ao Presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo”.
Dende a CIG reiteran que, en todo caso, seguirán mobilizándose contra os peches de oficinas, en defensa do emprego e polo mantemento dos servizos á clientela.