A CIG, a Intersindical de Catalunya e ELA de Euskal Herria comprométense a enfrontar a grave situación sociopolítica e laboral

Presentaron en Barcelona unha declaración conxunta na que avanzan na colaboración entre os tres sindicatos nacionais e de clase
Internacional - 14 Nov 2024

Os secretarios xerais da CIG, Paulo Carril; ELA, Mitxel Lakuntza e Sergi Perelló de La Intersindical (Catalunya) compareceron esta mañá en rolda de prensa, en Barcelona, para presentar unha declaración conxunta na que recollen o compromiso compartido de enfrontar a actual situación sociopolítica e laboral, desde as diferentes realidades nacionais.

DECLARACIÓN CONXUNTA

Consideracións sobre o contexto sociopolítico actual:
  • Amosámonos profundamente preocupados pola ofensiva reaccionaria e recentralizadora en curso, que xa está a afectar a cohesión social e podería facer retroceder os dereitos sociais e a provisión de servizos públicos. Esta ofensiva, que criminaliza a mobilización social e sindical, está acompañada de discursos de odio dirixidos aos colectivos vulnerabilizados: persoas empobrecidas, mulleres, migrantes, persoas LGTBI, e os pobos que formamos parte do Estado español con linguas e culturas propias. Tamén observamos con preocupación o avance de ideoloxías de extrema dereita a nivel global, que ademais de ameazar os dereitos dos e as traballadoras, promoven unha axenda bélica que perpetúa a explotación e control xeopolítico dos pobos. Esta situación representa un grave risco para a democracia e para os nosos proxectos de emancipación social e nacional.
  • No Estado español non houbo un verdadeiro proceso de ruptura co franquismo, nin un proceso de memoria, xustiza, reparación e garantía de non repetición. Observamos un nesgo ideolóxico nos poderes do Estado, especialmente na xudicatura, as forzas de seguridade e unha parte importante dos medios de comunicación, que defenden un sistema unitario e uniforme que nega a realidade plurinacional do Estado e o dereito de autodeterminación. Este mesmo nesgo vese reforzado pola militarización crecente de Europa, onde os orzamentos militares se incrementan en detrimento do investimento en políticas sociais e de benestar. Rexeitamos calquera intento de xustificar guerras e violencias baixo escusas de progreso, xa que tales conflitos perpetúan a opresión e destrúen pobos enteiros, como se observa en Ucraína e Palestina.
  • O custo da vida e o endurecemento das políticas neoliberais aumentan constantemente en Euskal Herria, Galiza e Catalunya, mentres que os salarios non permiten cubrir dignamente as necesidades básicas da clase traballadora. A emerxencia habitacional é un dos principais exemplos desta crise. Neste contexto, as ideoloxías de odio atopan terreo fértil, xa que a extrema dereita, en vez de sinalar os responsábeis das crises actuais (as políticas neoliberais e a acumulación de riqueza en mans dunha minoría) desvía a atención cara aos sectores vulnerábeis, culpabilizándoos e fomentando o racismo, a xenofobia e o machismo.
Compromisos:
  1. Defensa das condicións de vida e traballo da clase traballadora: Comprometémonos a situar a mellora das condicións laborais no centro da estratexia do sindicalismo nacional e de clase dos nosos países. Consideramos que a defensa dunhas condicións de vida e traballo dignas é unha ferramenta chave para combater o auxe do fascismo e do odio. Só así, a través dun sindicalismo que confronte a explotación e a precarización laboral, poderemos garantir unha sociedade máis xusta e democrática. Por isto, rexeitamos as reformas laborais que perpetúan a explotación, os recortes en pensións e as políticas de recortes como a única saída á crise. Apostamos por unha repartición xusto da riqueza, salarios dignos, redución da xornada laboral e un sistema público de coidados.
  2. Dereitos lingüísticos no traballo: Loitaremos para que se respecten e promovan os dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras nos seus centros de traballo. Queremos vivir e traballar cos mesmos dereitos lingüísticos que calquera outra comunidade lingüística; co pleno recoñecemento das nosas linguas (galego, catalán e euskera) como linguas de vida e de traballo. Os dereitos lingüísticos tamén son dereitos laborais e son fundamentais para a nosa identidade cultural e nacional.
  3. Autodeterminación e marcos propios de protección social e laboral: Como sindicatos soberanistas, reafirmamos a nosa defensa do dereito de autodeterminación dos nosos pobos. Os marcos políticos e xurídicos impostos polo Estado español son un atranco para desenvolver políticas laborais e sociais que respondan ás nosas necesidades e aspiracións. Defendemos o estabelecemento de marcos propios de relacións laborais e protección social, así como a obtención de competencias plenas en traballo, emprego e políticas sociais, para adaptar as nosas lexislacións ás nosas realidades.
  4. Fortalecemento do sindicalismo de transformación e rexeitamento ao denominado “diálogo social”: Rexeitamos o “diálogo social” como un instrumento de contención para a clase traballadora, que ten servido aos intereses das elites económicas e políticas en prexuízo dos dereitos laborais. Este mecanismo converteuse nunha ferramenta de lexitimación das políticas neoliberais e de desmobilización dos sectores máis combativos. Defendemos un sindicalismo de confrontación, comprometido coa mobilización e a loita, e que non acepte os límites impostos polas elites.
  5. Unidade de acción sindical: Afondaremos na colaboración entre os sindicatos nacionais e de clase, sempre respectando a nosa independencia orgánica. Queremos fortalecernos mutuamente para enfrontar conxuntamente os retos dun contexto de crise múltiple —económica, social e ecolóxica—, e avanzar cara a un mundo máis xusto socialmente, onde todos os pobos sexan recoñecidos en pé de igualdade.