A ciencia e o capitalismo: a liña divisoria entre salvar vidas ou salvar diñeiro

Eduardo Camín - 03 Dec 2020

A cuestión do acceso á hipotética vacina futura ten como pano de fondo a brutal guerra comercial que libran as principais potencias capitalistas do planeta para obteren unha vantaxe, xa sexa na vacina ou nun remedio para o coronavirus

 Os discursos dos gobernantes do mundo e o conxunto dos grandes medios de comunicación falan todo o tempo do coronavirus e de como o enfrontar. É imprescindíbel en primeiro lugar identificar que estamos en mans dunha sinistra cúpula política burguesa liderada por un núcleo de países industrializados, en asociación con corporacións financeiras.

 Nada do que hoxe nos pasa se explica correcta e cientificamente sen partir desta realidade, da súa incidencia sobre o planeta e a vida humana. A irresponsabilidade destes actores políticos e a súa clase social é total. Estamos a ver no plano dunha crise mundial e unha pandemia, a lóxica cotiá do sistema capitalista que en todo o seu percorrido ten un desprezo total pola vida, xa que está ordenado polos seus beneficios.

 Tanto nos países centrais como nos periféricos se deterioraron ostensibelmente todos os parámetros orzamentarios en materia de saúde pública. E agora córrese desde atrás e en desvantaxe absoluta, fronte a un virus que nos leva a dianteira e nos sacou unha enorme vantaxe nos seus tempos.

 O capitalismo primeiro xera condicións para que estes virus se propaguen. Fálase por exemplo da relación ás veces non óptima entre animais e humanos ou entre animais salvaxes e domésticos pola alta porcentaxe de enfermidades que estas relacións de contacto poden producir e que se identifican como enfermidades zoonóticas.

 Mais non se di que a produción capitalista irracional leva aos desmontes, á agricultura descontrolada e á perda de hábitat de especies salvaxes, ademais do debilitamento da tan necesaria biodiversidade, o cal alimenta a diario a propagación de infeccións. A isto habería que engadir a compoñente de agrotóxicos e todo tipo de elementos contaminantes inducidos sobre a produción masiva de alimentos.

 O sistema tamén fai a súa parte cando sitúa en situación de amoreamento a centos de millóns de persoas nas grandes cidades e en particular en masivos barrios populares en condicións moi precarias de coidado e alimentación, polo crecemento inducido, a través de plans de axuste, da pobreza e a indixencia a nivel mundial. Vívese en pleno século XXI en situación de insalubridade extrema, cotiá e masiva. Ao cal se suma que grandes franxas da poboación teñen parámetros dramáticos de mala alimentación.

 Pandemias, morte, contaxios masivos. Todo precedido por fortes transformacións económicas e sociais nesta desbocada carreira do capitalismo globalizador, marcada pola destrución ambiental e o aumento da pobreza. Un proceso de transformacións que sitúa a todo o planeta en función dun modelo de produción irracional, para que “pechen as súas contas” abandonan toda política seria, científica e orzamentaria sobre a saúde pública.

 Os negocios irracionais trouxéronnos até aquí. E agora as grandes potencias queren seguir ordenadas polos seus beneficios no medio da pandemia, incluída no negocio a procura de vacinas.

 Mais en realidade, a verdade é exactamente o oposto. E agora vai por atrás e en desvantaxe absoluta, fronte a un virus que leva a dianteira e nos sacou un gran distancia nos seus tempos. Non falamos dun escenario catastrófico, nin de designios apocalípticos. Falamos da realidade tanxíbel á cal nos trouxo este sistema que, nin aínda fronte á morte e a unha epidemia de contaxios masivos, deixa de pensar na lóxica de negocios e competencia.

A vacina, unha nova guerra comercial que vén

A cuestión do acceso á hipotética vacina futura ten como pano de fondo a brutal guerra comercial que libran as principais potencias capitalistas do planeta para obteren unha vantaxe, xa sexa na vacina ou nun remedio para o coronavirus.

 Lembremos que a fins de maio a Organización Mundial da Saúde (OMS) promoveu, xunto cunha trintena de países e institucións internacionais, unha plataforma de acceso mancomunado a tecnoloxía sobre a covid-19, coa pretensión de colectivizar dereitos sobre tecnoloxías e explotación de produtos para que estivesen dispoñíbeis universalmente e fosen considerados “bens públicos mundiais”.

 Pero case simultaneamente, os Estados Unidos anunciaban a súa ruptura coa OMS e a retirada de toda colaboración económica. Por outra banda a declaración en favor da plataforma común, tampouco a subscriben Alemaña, China, Inglaterra ou Xapón, ou sexa ningunha das potencias capaces de rexistrar unha vacina. En realidade nin os EUA, nin China nin a UE están dispostos a ceder unha miga na guerra sen cuartel que desenvolven para obter unha vacina canto antes.

 Polo tanto, a revenda posterior da vacina a terceiros países non se poderá subtraer a esa guerra sanitario-comercial. A industria é ben coñecida polos seus prezos desorbitantes e por se negar a distribuír medicamentos a aqueles que non os poden pagar. As grandes farmacéuticas teñen unha historia igualmente lamentable no que se refire a investigación e desenvolvemento na súa industria.

 O escenario que tivo lugar a finais da década de 1990 cos cócteles antirretrovirais contra o HIV co estouro de crises políticas e rebelións populares polo seu abastecemento podería repetirse agora coa eventual vacina da covid-19. Ao problema da explotación da patente desta vacina, engádese a de impulsar instalacións nas que poidan ser fabricadas, o que tamén limitará a subministración mundial.

As nosas vidas valen máis que os seus beneficios

 A competencia pode servir como un motivador para o desenvolvemento de novos produtos. Pero como xa vimos, tamén pode servir como motivador para previr que novos produtos endexamais vexan a luz do día. As empresas non só se negan a financiar investigacións para o desenvolvemento dun produto que poida prexudicar a súa industria, senón que nalgúns casos irán extraordinariamente lonxe para previr que máis ninguén poida realizar o mesmo tipo de investigacións.

 Mentres que comprar patentes é un medio efectivo para deter ou paralizar novas innovacións, o sistema capitalista ten outros xeitos de deter investigacións e desenvolvemento. A natureza mesma dun sistema baseado na competencia fai que a investigación colaborativa sexa case imposíbel.

 Ben sexa na industria farmacéutica, a automotriz ou calquera outra, o capitalismo divide os mellores científicos e enxeñeiros entre corporacións en competencia. Calquera involucrado en investigación ou desenvolvemento de produtos se ve forzado a asinar acordos de confidencialidade como condición de traballo.

 A revisión por pares, ou a arbitraxe, suponse que é unha peza fundamental do método científico. Moitas veces, os grandes avances realízanos non grupos de investigación individuais senón moitos grupos de investigadores.

 Un grupo desenvolve unha peza do crebacabezas, algún outro descobre outra e mesmo outro equipo máis de científicos logra xuntar todas as pezas. Como pode un sistema baseado na competencia promover tales esforzos colaborativos? Simplemente non pode.

 O primeiro paso neste proceso foi simplemente recoñecer que a ciencia é unha prioridade. Baixo o capitalismo, a habilidade das empresas privadas para desenvolver a ciencia e tecnoloxía limítase pola visión estreita do que é rendíbel. As compañías non planifican avanzar en tecnoloxía, senón en preparar produtos para o mercado e só farán o mínimo necesario para levar os seus produtos ao mercado.

 A ciencia está sendo contida por intereses particulares da industria capitalista. A falta de recursos para educación e investigación mantén as portas pechadas a estudantes e investigadores interesados, sen esquecer a interferencia relixiosa ou o revisionismo que garda a ciencia nunha gaiola e declara importantes campos de estudo como prohibidos.

 Neste século XXI podemos ver como o capitalismo internacionalizou e globalizou a velocidade os seus mecanismos de ganancia, comercio e transaccións financeiras que pasan de continente a continente en segundos, e como os modernos mecanismos internacionais de tránsito e viaxe propagaron en días unha pandemia a todos os continentes. Pero esa mesma velocidade non se aplica en canto a socialización dos avances científicos, que moi aos poucos pasa dos países centrais aos periféricos.

 Non se pode esquecer outro aspecto esencial da realidade capitalista: a profundidade das transformacións irracionais que o modelo capitalista xera vén facendo que diversos virus que antes se manifestaban con períodos algo máis longos de tempo entre si nas últimas décadas se volveron cada vez máis recorrentes.

 Tomemos nota de que en poucos anos e con desiguais alcances internacionais, rexionais ou en determinados países xa tivemos o SARS en 2002, a gripe porcina H1N1 en 2009, o MERS en 2012, o Ébola en 2014, o Zika en 2015 e o Dengue 2016.

 Todas estas diversas manifestacións virais enterran a idea errónea de que vellas ou novas pragas non nos afectarían polo avance da sociedade. Non imos atopar as respostas a este flaxelo mergullando nas predicións de Nostradamus, senón comprendendo cientificamente como chegamos até aquí e quen son os responsábeis de epidemias e pandemias, moitas das cales son evitábeis.

 Agora coa pandemia do coronavirus en pleno desenvolvemento mundial e avance constante, entramos nunha nova irracionalidade: por centrarse en novos negocios capitalistas condiciónanse as formas máis rápidas, eficientes e masivas de obter vacinas, pechando o círculo macabro dun sistema que despreza a vida humana e sitúa as ideas e avances científicos como unha mercadoría máis, rexida polas normas do beneficio capitalista.

Coronavirus e vacinas: a irracional competencia capitalista

 Porén, así como ante a irrupción deste virus o capitalismo xogou o seu nocivo papel ao liquidar os investimentos en saúde pública e xerar mediante a pobreza e a destrución ambiental, condicións óptimas para que proliferen todo tipo de virus; agora en torno ás posíbeis vacinas tamén o decadente sistema capitalista xoga o seu rol regresivo contra a vida humana.

 É obvio que ante semellante flaxelo todos os avances científicos teñen que se coordinar con premura, poñendo todas as estruturas de ciencia e medicina a disposición. Parece obvio que se debese facer, mais non é así. Estamos presenciando o contrario, un exemplo brutal do nocivo que é que a saúde, incluída a investigación científica e produción de vacinas, cando está en mans privadas.

 O que estamos presenciando é unha feroz competencia interimperialista por ver quen logra primeiro unha vacina, queda coas patentes e polo tanto coa ganancia millonaria para vendela nivel mundial. Ademais do mérito estratéxico para as súas futuras disputas, de o ter logrado primeiro que ninguén e facelo sentir salvando a súa propia poboación antes que a outras. Ou o que é peor, salvando a quen vaia pagando pola vacina.

 No medio desta carreira comercial e disputa entre potencias, puidemos ver a Donald Trump anunciando varias veces que terían a vacina, e tamén ser desmentido rapidamente por traballadores da saúde. Ou a varias empresas tamén facendo anuncios irreais, todo como parte dunha disputa irracional que adquire dimensións tráxicas. Aínda que é certo que hai probas permanentes en diversos países pero nada indica que en poucos días ou semanas se logre unha eficacia absoluta coa vacina.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 2 de decembro de 2020]